Notas de prensa

O CGAI pecha a súa programación anual co referente do cine negro francés Jean-Pierre Melville

A Filmoteca de Galicia recupera a obra dos cineastas lusos António Reis e Margarida Cordeiro na súa última carteleira bimestral de 2017. O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) pecha o ano cun ciclo dedicado ao cineasta Jean-Pierre Melville, máximo referente do polar, o cine negro galo.

Este especial, programado con motivo do centenario do nacemento do realizador francés, é unha das propostas destacadas da carteleira de novembro-decembro na sede coruñesa do CGAI, que continuará repasando a filmografía do actor Fernando Rey e ofrecerá unha escolma dos cineastas portugueses António Reis e Margarida Cordeiro.

Jean-Pierre Melville foi un dos grandes renovadores do cine negro do seu país entre os anos corenta e setenta, chegando a influenciar directores de todas as latitudes, non só de Hollywood ou Europa, senón tamén en Asia, onde se atopan ecos das súas imaxes en autores coma Seijun Suzuki. O seu estilo seco e directo, unido a unha posta en escena sobria mais de grandes aspiracións estéticas, marcou unha carreira á que se anotaron as grandes estrelas do momento, coma Jean-Paul Belmondo, Alain Delon, Lino Ventura ou Catherine Deneuve.

O 14 de decembro arrancará o programa que lle dedica a filmoteca galega cunha sesión que será presentada por Laurent e Tania Grousset, da Jean-Pierre Melville Foundation, entidade encargada de salvagardar o patrimonio do cineasta e que organiza este ciclo itinerante.

As proxeccións insírense, así mesmo, no extenso percorrido histórico pola filmografía gala que o CGAI está a desenvolver desde hai varios meses baixo o título Viaxe a través do cine francés. Ademais das fitas de Melville, pásanse filmes de Barbet Schroeder, Jean Rouch, Jacques Demy, Arnaud Desplechin ou Olivier Assayas, nunha escolma heteroxénea que abrangue moitas épocas e estilos.

Cen anos de Fernando Rey

Ao tempo, o Centro Galego de Artes da Imaxe continúa a celebrar outro centenario, o do actor coruñés Fernando Rey, a través do ciclo que vén desenvolvendo desde o pasado mes de setembro e que finalizará o 17 de novembro con Padre nuestro, coincidindo coa exposición sobre o intérprete no Kiosco Alfonso, que pecha as portas dous días despois.

O actor foi a primeira gran estrela internacional do noso cinema, adiantándose a outras que seguirían despois este camiño, como Javier Bardem, Antonio Banderas ou Penélope Cruz. Ademais das súas colaboracións cos cineastas máis renovadores do cine español e a súa longa relación con Luis Buñuel, Rey formou parte do elenco de grandes filmes de Hollywood. Traballou, por exemplo, ás ordes de Orson Welles en Campanadas a medianoche, que se proxecta na Coruña o 9 de novembro, ou para Robert Altman en Quintet, que se exhibe o 16 de novembro.

Dupla colaboración co festival de Sevilla

Destaca tamén na programación de novembro-decembro o ciclo sobre António Reis e Margarida Cordeiro. Esta parella de cineastas lusos é coñecida entre a cinefilia por realizar uns intensos retratos sobre Trás-os-Montes (Portugal), partindo do etnográfico, mais con traballadas historias de ficción. A súa obra mestra leva precisamente o título desta rexión e durante anos foi moi complicada de atopar en exhibición. A Cinemateca Portuguesa acaba de restaurar o filme con copias dixitais en alta definición, que circulan por fin polas filmotecas. Pon, ademais, a disposición do CGAI boa parte da obra de Reis e Cordeiro, nunha retrospectiva case completa na que colabora o Festival de Cine Europeo de Sevilla.

Así mesmo, a relación co certame andaluz permite traer á Coruña unha escolma de traballos dos primeiros dez anos da London Film-Makers' Co-Operative, importante cooperativa de cine de vangarda que marcou tendencias nos sesenta e setenta.

Non son os únicos pases de filmes experimentais destes últimos meses do ano. O CGAI segue prestando atención a este tipo de cine con pases dedicados a Stan Brakhage ou Tacita Dean, neste último caso en colaboración coa Agrupación Astronómica Coruñesa Ão, que organiza o ciclo Cinema e ciencia: visións do ceo, centrado na astronomía.

Completan a última carteleira bimestral de 2017 as sesións dedicadas ao cine galego, con foco nos cineastas Simone Saibene e Hugo Amoedo, así como as proxeccións para o público infantil de CGAI Júnior e a recuperación de varios clásicos restaurados. A filmoteca conta tamén con extensións desta programación en Ourense, Lugo e Vigo a través dos cineclubs destas cidades.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-10-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (ensino-edixgal.jpg) Un total de 596 centros de Primaria e Secundaria de toda Galicia van participar o vindeiro curso no programa de ensino híbrido E-Dixgal. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP incorpora á iniciativa, a petición dos centros, dous colexios e deciden saír outros tres, de xeito voluntario. En concreto, os centros de nova incorporación son os colexios CEIP de Castrelo de Miño (Castrelo de Miño, Ourense) e o CEIP de Valeixe (A Caniza, Pontevedra). No que atinxe ás renuncias, son as do CEIP de Zalaeta (A Coruña), CEIP Península da Paz (Cervo) e a do Instituto Martaguisela (O Barco).
Foto de la tercera plana (festival.jpg) Durante seis días do mes de setembro, a cidade de Vigo acollerá un ciclo de concertos único que reunirá diferentes xeracións, estilos musicais e públicos nunha contorna privilexiada: o peirao de transatlánticos do Porto de Vigo, un espazo aberto ao Atlántico e situado en pleno corazón da ría de Vigo. Son e Mar combina música, identidade cultural e experiencia colectiva nunha programación pensada para todos os públicos. Ao longo do ciclo, preto de 50 artistas pasarán polo escenario principal e espérase unha asistencia superior ás 35.000 persoas entre todos os eventos programados.

Notas

Galicia prepárase para acoller a edición máis expansiva do festival Pint of Science, que este ano se celebrará de xeito simultáneo en 14 localidades galegas do 18 ao 20 de maio. O evento, que busca sacar a ciencia dos laboratorios e levala ao ambiente distendido dos bares, marca un fito en 2026 ao consolidar a súa presenza tanto nas sete grandes cidades como en concellos do rural e vilas de toda a xeografía galega.
Este mes de maio o campus de Ourense acolle a celebración dun ciclo dedicado a Edgar Neville, 'unha das figuras máis singulares e poliédricas do cinema español'. A iniciativa, froito da colaboración da Vicerreitoría do campus e o Ourense Film Festival (OUFF), está composta por catro proxeccións, unha cada xoves de mes, de obras cinematográficas deste autor, cuxa produción abrangue dende o fantástico ata a comedia costumista.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES