Notas de prensa

A nova edición do certame Feiraco-Letras Galegas convida a toda a cidadanía a festexar o 17 de maio

A cooperativa agrogandeira galega impulsa en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística esta iniciativa coa que busca renderlle tributo desde o ámbito da empresa ao autor homenaxeado. Incorpora, como novidade, unha categoría de participación xuvenil para dinamizar a lingua propia de Galicia na mocidade desde a creación literaria. Os seis gañadores, tres por categoría, daranse a coñecer o 5 de xuño.

A nova edición do Certame de Microrrelatos Feiraco-Letras Galegas 2017 convida a toda a cidadanía a festexar o 17 de maio por sexto ano consecutivo. Impulsada pola cooperativa láctea galega que agora integra Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, no marco das súas accións de responsabilidade social corporativa, a iniciativa busca renderlle tributo desde o ámbito da empresa ao autor homenaxeado este ano pola Real Academia Galega, Carlos Casares, e facer partícipe da celebración a todos os galegos e galegas.

Así o deron a coñecer o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o vicepresidente de CLUN, José Montes, acompañados polo administrador da Fundación Carlos Casares e fillo do escritor, Håkan Casares, nunha rolda de prensa na que o titular de Política Lingüística quixo destacar “a aposta de Feiraco coa lingua e coa cultura propias, un compromiso firme e decidido con Galicia que posiciona a Feiraco na vangarda das empresas ou entidades que desde o ámbito económico deciden contribuír á promoción do uso do idioma a través da responsabilidade e a innovación social para facer del un importante activo empresarial e un valor engadido”.

García Gómez recordou que Feiraco participou na elaboración do Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico aprobado pola Xunta de Galicia o pasado ano e que contribúe activamente ao seu desenvolvemento a través de diversas accións que inciden na dinamización social do idioma desde o sector que lle é propio.

O certame incorpora este ano como novidade, ademais da categoría de persoas adultas (desde os 19 anos de idade) unha categoría de participación xuvenil (dos 13 aos 19) co obxectivo de contribuír á dinamización lingüística entre a mocidade desde a creación literaria. A aplicación desde a que se pode participar, xa está dispoñible no web www.feiraco.gal.
Certame de Microrrelatos Feiraco-Letras Galegas 2017

Para participar no Certame de Microrrelatos Feiraco-Letras Galegas 2017 cómpre compartir na aplicación do concurso aloxada no web do concurso un relato orixinal, escrito en galego, que comezará coa seguinte frase de Carlos Casares "E ali estaba, sentado nun sillón azul...", pertencente á obra casariana Deus sentado nun sillón azul, e non superar os 500 caracteres nos que se inclúan tanto espazos como a frase inicial proposta.

Todas as persoas interesadas en participar nesta iniciativa poden consultar as bases legais do certame en poden xa www.feiraco.gal e terán que enviar os seus microrrelatos desde hoxe ata o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas. Un xurado conformado por escritores, membros de Feiraco e da Secretaría Xeral de Política Lingüística serán os encargados de avaliar os microrrelatos participantes para escoller os/as gañadores/as desta edición valorando a orixinalidade e creatividade da historia, a coidada redacción e o uso correcto da lingua galega.

De entre as persoas participantes, seleccionaranse un total de seis, tres por categoría, que se darán a coñecer o 5 de xuño no mesmo web da marca. Os primeiros premios de cada categoría recibiran cadanseu exemplar da Enciclopedia galega universal e os catro restantes un lote de títulos de literatura galega cedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, así como un lote de produtos Feiraco.

Compromiso con Galicia e cos seus valores

Esta iniciativa, que se enmarca na programación institucional das Letras Galegas 2017 posta en marcha pola Consellería de Cultura en colaboración con outras entidades, reflite o compromiso de CLUN co idioma propio deixando constancia da súa plena identificación con Galicia. A cooperativa nacida da unión de Feiraco, Melisanto e Os Irmandiños, identíficase coa vida no rural tanto nos seus valores coma nos métodos de traballo, que tenden a vertebrar o tecido social e o desenvolvemento económico nas actividades con proxección social que leva a cabo en Galicia.

As cooperativas que forman CLUN dedícanse principalmente á fabricación de piensos, tenda agrícola e prestación de servizos aos seus socios e socias, así como á recollida, envasado e distribución de leite e derivados lácteos, coas mellores marcas como insignia: Feiraco, Únicla, Clesa e os queixos Arquega Senso.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-04-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (escolarizacion.jpg) Galicia consolida o seu liderado na taxa de escolaridade de 0 a 3 anos e mantense por riba do 60%, máis de 13 puntos superior á media de España, segundo os últimos datos oficiais que vén de publicar o Ministerio de Educación e Formación Profesional. Esta porcentaxe sitúa á nosa comunidade ao nivel dos países con maiores índices de benestar en Europa, como Suecia ou Dinamarca. Galicia é a comunidade autónoma onde o programa da gratuidade é máis completo, xa que ningunha outra ofrece ata 8 horas diarias e 11 meses por curso atención educativa totalmente de balde ao 100% do alumnado e en todas as escolas infantís: as públicas, as de iniciativa social e as privadas.
Foto de la tercera plana (sergas-camas.jpg) Os complexos hospitalarios universitarios de Santiago de Compostela e de Vigo veñen de ser seleccionados para a administración de terapias CAR-T en pacientes adultos. Esa designación formalizarase mediante resolución da Secretaría de Estado de Sanidade, logo da validación por parte do Grupo Institucional do Plan para a Abordaxe das Terapias Avanzadas no Sistema Nacional de Saúde. Galicia xa dispoñía desde 2022 de dous centros designados polo Ministerio de Sanidade para a administración de terapia CAR-T: o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña administraba estes medicamentos avanzados en pacientes adultos e o de Santiago de Compostela en pacientes pediátricos.

Notas

Nanotechnology & Biomedicine: where science meets the future. Baixo este lema o CINBIO celebrará o vindeiro mes de xullo o seu oitavo Annual Meeting, renovando o seu firme propósito por visibilizar as ferramentas que marcarán a medicina do futuro. Un ano máis, Vigo converterase no punto de encontro no que científicos de todo o mundo compartirán a súa experiencia en química, física, bioloxía, medicina, nanotecnoloxía e saúde.
Especialistas do Grupo Iacobus da USC abordarán do 21 ao 22 de maio a análise de diversas obras seleccionadas entre os numerosos bens culturais que conserva o Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo. A finalidade deste foro que leva por título 'Tempo de arte. Obras de museo III' é poñer en valor a súa colección e difundila á cidadanía a través deste curso monográfico coordinado por Miriam E. Cortés e Patricia Cupeiro, profesoras da USC, e Marcos Calles, director do Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES