Notas de prensa

A Facultade de Filoloxía da USC convoca o III Concurso literario ‘Mazarelos’

Fomentar a creatividade da mocidade universitaria e desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como contribuír a descubrir potenciais figuras para a nosa literatura son os obxectivos que guían a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da USC para convocar por terceira vez o Concurso literario ‘Mazarelos’.

Son moitas as figuras literarias galegas que estudaron nas aulas da USC (Castelao, Otero Pedrayo, Carballo Calero, Xohana Torres, Méndez Ferrín, Chus Pato, Suso de Toro, Xavier Queipo, Luísa Villalta, Antón Riveiro Coello, Fran Alonso, ...) e en Filoloxía sempre houbo iniciativas como certames e revistas literarias (Ólisbos) para dar acubillo á creatividade no eido das letras galegas. Xa que logo, este certame recupera a tradición da Facultade para descubrir e proxectar novas voces que poidan chegar a ser figuras da literatura galega.

Este pode ser, se cadra, o futuro de Gisella Costas López, Alba María Rodríguez Díaz e Philip Duncan Webb, estudantes a quen o xurado lles concedeu os premios da segunda edición deste concurso o pasado ano.

O concurso está aberto á participación de todo o alumnado da USC, que pode participar cunha obra de calquera xénero literario e calquera tema, orixinal e escrito en lingua galega. O prazo para a presentación de orixinais rematará o mércores 29 de setembro de 2017.

Establécense tres premios de 500, 250 e 150 euros mais diploma, a concesión dos cales recaerá nun xurado composto por cinco membros: tres docentes da Facultade e dous escritores/as sen relación actual co centro.

O certame conta co apoio técnico do SNL da USC e o económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, 2017-03-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES