Notas de prensa

Pepo Suevos dirixirá e conducirá a gala dos XXI Premios de Teatro María Casares

A cerimonia dos galardóns do teatro celebrarase o 29 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Suevos estará acompañado por un elenco conformado por María Roja, Roberto Leal, Josito Porto, Alberto Rolán, Marta Lado e Patricia Torres. A música correrá a cargo dunha banda cubana que traerá o son e a salsa á gala.

O actor, guionista e monologuista Pepo Suevos será o encargado de dirixir e conducir a gala dos XXI Premios de Teatro María Casares, que se celebrará o mércores 29 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade organizadora dos galardóns, confíalle deste xeito a Suevos a dirección e a presentación da gala deste 2017. Suevos, que xa está a ultimar os detalles da cerimonia, furará con humor e autocrítica nas relacións entre o teatro e a administración, dous mundos ben diferentes condenados a entenderse. Para o espectáculo, o director da gala contará cun elenco de seis actores e actrices. Dese xeito, polas táboas do Rosalía pasarán os/as intérpretes María Roja, Marta Lado, Roberto Leal, Alberto Rolán, Patricia Torres e Josito Porto. A gala contará coa música en directo dunha banda formada por cinco músicos (os percusionistas Amaury Quintero Consuegra e Marcos Jaramillo, o pianista Josep Ruiz Zuluaga; o baixista Juan Perez Villavicencio e o trompetista Daniel Polo Salgado) que lle darán á cerimonia o toque do son cubano.

O presidente da AAAG, Ernesto Chao, sinala que a Xunta Directiva decidiu encargarlle a dirección da gala a Pepo Suevos por ser “un gran actor con moito que ofrecer”, cunha “traxectoria contrastada como monologuista”. Ademais, Chao destacou “o seu amplo traballo como guionista”, o cal é unha “garantía máis” que ofrece este auténtico “showman”. A gala, organizada pola AAAG, contará ademais coa dirección de arte de Suso Montero, un dos escenógrafos máis prestixiosos do noso país e que vén traballando nas galas dos María Casares nos últimos anos.

Os XXI Premios María Casares contan co patrocinio de institucións como a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic-Xunta de Galicia), Concello da Coruña, Deputación da Coruña, Padroado da Cultura de Narón, Fundación AISGE e Fundación SGAE. Nesta edición dos galardóns, un total de 13 espectáculos compiten polos 14 galardóns nos que se dividen os premios, sendo os espectáculos con maior número de finalistas O tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e FIOT Carballo, que aspira a 11 premios; Eroski Paraíso, de Chévere, que opta 8 María Casares; Raclette, de Ibuprofeno Teatro, e Voaxa e Carmín, de ButacaZero e Eme2, que competirán en 5 categorías. O Premio de Honra Marisa Soto será recibido polo dramaturgo e director Eduardo Alonso.

Perfil de Pepo Suevos

Nacido en Ferrol en 1971, Pepo Suevos comezou a súa traxectoria artística como contacontos e monologuista para despois ampliar as súas facetas artísticas como actor de teatro, cine e televisión. Na pequena pantalla estreouse a comezos dos anos 2000 como colaborador en programas como Tardes con Ana ou Luar.

A partir dese momento, participou en series da TVG como Rías Baixas (TVG), Terra de Miranda, As leis de Celavella, Escoba, Serramoura ou Pazo de familia. En cine, Pepo Suevos traballou en fitas como Entre bateas (Jorge Coira, 2002), Ilegal (Ignacio Vilar, 2003), Heroína (Gerardo Herrero, 2005), Unha muller invisible (Gerardo Herrero, 2007), Pradolongo (Ignacio Vilar, 2008) ou A esmorga (Ignacio Vilar, 2014). Tamén cómpre destacar o seu traballo en fitas como Secuestrados (Miguel Ángel Vivas, 2010), Agallas (Samuel Martín Mateos, Andrés Luque Pérez, 2009) ou A praia dos afogados (Gerardo Herrero, 2015). No mundo do teatro, Suevos formou parte da compañía Uvimóvil Teatro e do grupo de clown Os Sete Magníficos máis Un.
Suevos, ademais, traballa como guionistas en diferentes programas de televisión. Deste xeito, formou parte dos equipos de guión dos programas da TVG A casa da Conexa, Tourilandia ou LandRober e series como GymTony.

Alberto Ramos , 2017-03-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES