
A compañía de Teatro Voadora representa a súa versión do Soño dunha noite de verán, de William Shakespeare, dentro do ciclo Teatro & Danza da Concellaría de Acción Cultural. Será con catro funcións de mércores 15 a sábado 18 de marzo, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. Presentáronas a primeira tenente de alcalde, María Rozas, e dous membros da compañía: Hugo Torres, actor e compositor, e José Díaz, tamén actor e compositor, ademais de produtor do espectáculo.
Voadora recolle a obra de William Shakespeare e versiónaa nun texto adaptado polo dramaturgo chileno Marco Layera. Con dirección de Marta Pazos, acoden de novo a Shakespeare, a quen xa representaran con A tempestade, para facer unha versión libre que afonda en temas profundos e actuais como a revolución feminista ou a realidade de xénero, en clave poética, divertida e musical.
Sinopse
Demetrio e Lisandro queren a Hermia. Ela só ten ollos para Lisandro, pero o pai dela só acepta a Demetrio. A súa amiga Helena ama a Demetrio, pero este amor non é correspondido. Hermia e Lisandro acordan fuxir da cidade ao amparo da escuridade, pero son perseguidos por un enfurecido Demetrio que, á súa vez, é perseguido por unha extasiada Helena. No bosque, sen o coñecemento dos mortais, Oberón e Titania (rei e raíña das fadas) teñen unha disputa sobre un criado. A trama xira cando o súbdito de Oberón, Puck, corre solto cunha flor que fai que as persoas namoren do primeiro que vexan ao espertar.
Entradas
As entradas teñen un prezo de 10 euros (5 euros para desempregados, maiores de 65 anos, xubilados, menores de 25 anos, estudantes, familias monoparentais, familias numerosas e perceptores de rendas sociais) e poden mercarse en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do Teatro Principal (aberto de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas).
Fotografía: Tamara de la Fuente (web de Voadora: http://www.voadora.es/sueno-de-una-noche-de-verano?lightbox=dataItem-izf6ss6f)
O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.