
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve colaborar coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) na organización do programa de actividades vinculado aos Premios de Teatro María Casares, que este ano celebran a súa vixésima primeira edición. Os galardóns, que recoñecen o labor desenvolvido pola profesión teatral galega durante 2016, entregaranse no Teatro Rosalía Castro da Coruña o 29 de marzo.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, e o presidente da AAAG, Ernesto Chao, asinaron hoxe o convenio de colaboración polo que a Xunta de Galicia contribúe á realización de diferentes accións promocionais relacionadas coa convocatoria destes galardóns. O seu punto culminante será a cerimonia durante a que se coñecerán os gañadores e gañadoras nas catorce categorías ás que optan 13 espectáculos, ademais de facerse entrega do Premio de Honra Marisa Soto ao director teatral e dramaturdo Eduardo Alonso.
Desde a súa primeira convocatoria, os Premios María Casares téñense convertido nunha das citas anuais de referencia para a escena galega, funcionando como espazo de encontro para os profesionais do sector, foro social para o recoñecemento do seu labor e plataforma de proxección pública do seu traballo tanto dentro como fóra de Galicia.
Finalistas
Entre os finalistas desta edición, á que se presentaron candidaturas de 44 espectáculos e preto de 400 profesionais, O tolleito de Inishmann, de Contraproducións co FIOT Carballo, destaca como o espectáculo con maior número de candidaturas (11). Pola súa banda, Eroski Paraíso, de Chévere, aspira a oito galardóns, e Raclette, de Ibuprofeno Teatro, a cinco. Estas tres producións dispútanse os apartados á mellor espectáculo e dirección.
Voaxa e Carmín, de ButacaZero, opta a levar cinco xerras María Casares; Foucellas, de Talía Teatro, competirá en tres modalidades, e as montaxes A nena que quería navegar, de Redrum Teatro, e Os amores de Jacques o fatalista, de Producións Teatráis Excéntricas, farano en dúas. Finalmente, optan a un galardón Xurdefet (Jour de Fête), de Berrobambán; Pavillón Lino, de Caramuxo Teatro; Tartufo, do Centro Dramático Galego (para Cesar Cambeiro na modalidade de mellor actor protagonista); Get Back, de Eme2 Producións; Danza da choiva, de Elefante Elegante, e Os Rockenstein, de Malasombra Producións.
Fotografía: archivo GD / AAAG / Xunta de Galicia.
O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.