Notas de prensa

O VI programa FalaRedes inicia a súa andaina coa actividade A galiña azul

O secretario xeral de Política Lingüística presentou a nova proposta que chegará da man de Galaxia a 21 concellos da Rede de Dinamización Lingüística. A iniciativa réndelle tributo a Carlos Casares cunha adaptación teatral da coñecida obra do autor ao que se lle dedican as Letras Galegas 2017. Representarase o venres 10 de marzo en Foz e o sábado día 11 en Mondoñedo.

A sexta edición do programa de dinamización lingüística que impulsa a Xunta de Galicia, por medio da Secretaria Xeral de Política Lingüística, nos concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) inicia a súa andaina polas catro provincias galegas coa nova actividade ‘A galiña azul’. Está destinada ao lecer de calidade no noso idioma e percorrerá, ata finais de abril, 21 localidades galegas.

Así o deu a coñecer en rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, quen sinalou que ao seu departamento lle “comprace especialmente abrir unha nova edición de FalaRedes, no ano Casares, coa súa obra A galiña azul, coa que este narrador quixo poñer o seu gran de area na tarefa de transmisión do galego ás novas xeracións e de divulgación da importancia da diversidade lingüística e cultural. É a mesma tarefa, son os mesmos obxectivos que nos guían hoxe cando poñemos en marcha actividades de dinamización do noso idioma para os máis novos”.

Logo de facer parada a pasada fin de semana en Valga, Vilagarcía de Arousa, Ribeira, Ferrol e Melide, con grande éxito de acollida de público, chegará mañá a Foz (á Casa da Cultura Poeta Manuel María) e pasado mañá a Mondoñedo (á Casa da Xuventude), en ambos os dous casos ás 18:30 horas. García Gómez estivo acompañado polo director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro; pola actriz e narradora oral Ana Carreira e mais polo director comercial de Galaxia, Xulio Amigo.

Sen deixar de servir aos obxectivos de promoción do galego que guían desde sempre este programa de dinamización lingüística, a actividade ‘A galiña azul’ constitúe tamén unha homenaxe ao autor a quen a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas: Carlos Casares. Trátase dunha adaptación teatral do libro de relatos homónimo escrito por Casares destinada a público de 6 a 10 anos e ás súas familias.

‘A galiña azul’ contén cinco historias entrelazadas que transmiten mensaxes tan importantes como a defensa da diversidade lingüística, a importancia das diferenzas ou a liberdade de expresión. Para iso, a compañía responsable da adaptación, Ubú Teatro, emprega diferentes técnicas, como a narración oral, a manipulación de monicreques ou o clown. Cada familia asistente recibirá, ao finalizar a representación, un exemplar do libro de Carlos Casares A galiña azul en edición especial para a RDL.

Baixo xestión de Editorial Galaxia, esta actividade do ‘FalaRedes’ poderase gozar, en exclusiva, esta primavera en 21 concellos galegos. Coma sempre no FalaRedes, a entrada é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

A sexta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do 'FalaRedes' percorrerán os concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua galega desde as administracións local e autonómica que conta con máis de 180 entidades adscritas. Nas cinco edicións anteriores do programa foron preto de 800 as actividades programadas para públicos de todas as idades.

Toda a información sobre a nova edición xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega (www.lingua.gal/falaredes), nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-03-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES