Notas de prensa

O programa ALT Procrea pon en valor a creación escénica en feminino

Celebrarase do 10 ao 12 de marzo no marco do Festival Alternativo das Artes Escénicas de Vigo, e acollerá a estrea do traballo ‘Bailarina hipnótica’, de Begoña Cuquejo, baseado nunha peza da coreógrafa Sonia Gómez. Tamén contará cos traballos de Masu Fajardo e de Celeste González.

O programa 'ALT Procrea en Feminino 2017' de apoio e acompañamento para creadoras galegas no seu proceso creativo ofrecerá a estrea absoluta da peza de Begoña Cuquejo ‘Bailarina hipnótica’ e a presentación do traballo no que se basea: ‘Bailarina’, da coreógrafa catalá Sonia Gómez.

As dúas artistas participaron na rolda de prensa na que se deu a coñecer o programa, que se celebra do 10 ao 12 de marzo en Vigo co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Durante a presentación, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asegurou que “o da cultura constitúe un ámbito fundamental de promoción a prol da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, nomeadamente o sector das artes escénicas, que ten no Festival ALT un escaparate de referencia”.
Unha plataforma para a difusión artística

No acto, no que tamén participou o delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, Anxo Lorenzo destacou o labor impulsado por ALT Procrea para poñer en valor o talento creativo das artistas que participan neste singular programa de apoio e de acompañamento para creadoras galegas en todas as etapas do seu proceso creativo.

Con este obxectivo, o programa “vén poñendo ao dispor das participantes materiais para facilitar o desenvolvemento dos seus traballos, vén ofrecendo asesoramento para axudar na materialización das súas propostas e tamén vén poñendo ao seu dispor plataformas de creación e de difusión que lles permitan dar a coñecer os seus proxectos tanto dentro como fóra do noso territorio”, afirmou Anxo Lorenzo, ao tempo que se referiu á “oportunidade que brinda este programa para o intercambio cultural entre as propostas escénicas que se están a xestar en Galicia e as que se están a desenvolver noutros puntos do Estado”.

Inmersión e transmisión coreográfica

A rolda de prensa, na que tamén participaron Lola Correa, directora do festival ALT, xunto con Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, que tamén colabora co programa, e a artista canaria Celeste González, tivo lugar no MARCO de Vigo, onde a bailarina e coreógrafa catalá Sonia Gómez presentará mañá, 10 de marzo, ás 19:00 horas, o seu traballo ‘Bailarina’, ao que seguirá a estrea da peza ‘Bailarina Hipnótica, de Begoña Cuquejo. O proxecto da artista galega é o resultado dun traballo de inmersión e de transmisión coreográfica baseado na peza de Sonia Gómez, quen foi acompañando o proceso creativo de Cuquejo ao longo de medio ano.

O programa tamén presentará no MARCO, o día 11, ás 20:00 horas, a peza ‘Sujeto visible – sujeto invisible’, na que a creadora Masu Fajardo constrúe unha metáfora baseada na dualidade do visible e do invisible. Ao día seguinte será a quenda da artista Celeste González co encontro de pensamento arredor da danza e do cine ‘Weakfield Poole: visiones y revisiones’.

A través da Secretaría Xeral de Cultura e da Axencia Galega das Industrias Culturais, a Consellería de Cultura e Educación colabora co festival ALT, na que será a súa última edición –segundo anunciaron os organizadores–, e na que tamén contará co espectáculo de Matarile Teatro ‘Antes de la metralla’ e co espazo gastronómico ‘La cuina furtiva’.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-03-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES