Notas de prensa

A AAAG homenaxea a Eduardo Alonso ao concederlle o Premio de Honra Marisa Soto

O galardón recoñece a traxectoria do dramaturgo e director teatral, primeiro director do Centro Dramático Galego e fundador, xunto a Luma Gómez, da compañía Teatro do Noroeste, que neste 2017 vén de cumprir 30 anos de traxectoria.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) concédelle este ano a Eduardo Alonso o Premio de Honra Marisa Soto, galardón que recoñece a longa traxectoria deste dramaturgo e director teatral que foi o primeiro director do Centro Dramático Galego e que fundou, xunto a actriz Luma Gómez, a compañía Teatro do Noroeste, que neste 2017 vén de cumprir trinta anos de traxectoria. O premio será entregado durante a gala dos XXI Premios María Casares, que se celebrará o vindeiro mércores 29 de marzo. Deste xeito, Eduardo Alonso únese á nómina de profesionais, entidades e colectivos teatrais que recibiron o citado premio dende a súa creación en 1997. Nesta lista de ilustres homenaxeados atópanse, entre outros, Maruxa Villanueva, Ana Romaní, Manuel Lourenzo, a Sala Nasa, Vicente Montoto ou a Revista Galega de Teatro (RGT).

A directiva da AAAG, encargada de outorgar este galardón, recoñece así o labor de Eduardo Alonso ao longo de máis de corenta anos de profesión artística. Neste sentido, a Xunta Directiva da AAAG agradécelle a Alonso o seu destacado papel na profesionalización do teatro galego, proceso no que exerceu un rol imprescindible na fundación do Centro Dramático Galego, sendo un dos seus máximos impulsores e o seu primeiro director. Ademais, a Xunta Directiva da AAAG celebra o traballo que Eduardo Alonso exerceu en Teatro do Noroeste, compañía que sempre apostou pola incorporación de novos valores e deu a oportunidade de estrearse nas tábaos a un gran número de profesionais.

Os Premios de Teatro María Casares celebran neste 2017 a súa 21ª edición. Este ano, trece son os espectáculos finalistas que se disputarán os galardóns nas catorce categorías nas que se dividen os premios. O tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e FIOT Carballo, aspira a levar 11 premios; Eroski Paraíso, de Chévere, competirá por 8 galardóns, mentres que Voaxa e Carmín, de ButacaZero, e Raclette, de Ibuprofeno Teatro, optan a 5 premios. Os Premios de Teatro María Casares contan co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic-Xunta de Galicia), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Padroado da Cultura do Concello de Narón, a Fundación SGAE e a Fundación AISGE.

BIOGRAFÃA EDUARDO ALONSO
Nacido en Vigo en 1948, Eduardo Alonso é un referente para sector teatral galego, no cal xogou un papel de gran relevancia no seu proceso de profesionalización. Enxeñeiro técnico naval pola Escola de Enxeñeiros Técnicos de Ferrol e licenciado en Ciencias da Imaxe e Xornalismo pola Complutense, Alonso dedicou a súa vida profesional á escena, exercendo principalmente como director, dramaturgo e iluminador. Iniciou a súa andaina nas artes escénicas ao longo dos setenta ao implicarse na creación de diversas compañías. Así fundou grupos como Teatro Zoo de Madrid (1970), Teatro Andrómena (1979), Teatro do Estaribel (1980-1981) ou Teatro do Noroeste, compañía histórica de Galicia que vén de celebrar neste 2017 o seu trixésimo aniversario.

Alonso, ademais, converteuse no primeiro director do Centro Dramático Galego (CDG). En 1984, a instancias de Luís Ãlvarez Pousa, director xeral de Cultura da Xunta naquela altura, elaborou un proxecto para a creación da institución de teatro público que vería a luz ese mesmo ano, coas obras fundacionais do Woyzeck, dirixida por Xúlio Lago, e Agasallo de sombras, de Roberto Vidal Bolaño. Esas foron as dúas primeiras obras dun CDG acabado de nacer e o cal Alonso dirixiu entre 1984 e 1986. No CDG, Alonso dirixiu un total de seis producións, levando á escena clásicos teatrais universais como son Os vellos non deben de namorarse (Castelao,1985), O enfermo imaxinario (Molière, 1986), As alegres casadas (1989), Un soño de verán (William Shakespeare, 1992), Lisistrata (Aristófanes, 1997) ou A cacatúa verde (Arthur Schnitzler, 2001).

En 1987, Eduardo Alonso fundou xunto a actriz Luma Gómez a compañía Teatro do Noroeste, que estreou como primeira montaxe Medea. Despois desa produción, chegaron outros 35 espectáculos e máis 1.250 funcións. Entre as montaxes que realizaron ao longo destas tres décadas, cómpre destacar a adaptación de títulos tan afamados como Rei Lear (1990), Tagen-Ata (Méndez Ferrín, 1990), Os Xustos (Camus, 1991), Galileo Galilei (Bertolt Brecht,1993), Macbeth (William Shakespeare,1994), Feirantes (Alvaro Cunqueiro, 1999), Romeo e Xulieta (William Shakespeare, 2010) ou Touporroutou da Lúa e do Sol (Vidal Bolaño, 2013). Noroeste, ademais, combina a adaptación de textos clásicos coa posta en escena de obras escritas polo propio Eduardo Alonso. Neste campo, pódense destacar pezas como O país acuático (2000), As damas de Ferrol (2002), Confesión (2005), Extrarradios (2008), Imperial: Café cantante. Vigo 1936 (2006), Glass City (2009), Último cowboy (2011), Palabras malditas (2016) ou Estado de Graza (2017).

O Premio de Honra Marisa Soto únese a diferentes recoñecementos que Alonso recibiu ao longo da súa carreira. Entre os seus galardóns, pódense subliñar os premios Compostela para a obra As alegres casadas ao mellor espectáculo da temporada e para Rei Lear, versionada por Alonso e Cándido Pazó, á mellor versión teatral en lingua galega. Alonso conta con tres premios María Casares: iluminación por Noite de Reis en 1997 e por Imperial: Café cantante en 2006 e mellor texto orixinal, tamén por Imperial: Café cantante. No ano 2010 recibiu o Premio da Cultura Galega. Alonso, ademais, conta con dous Premios MAX ao mellor texto en galego.

Alberto Ramos (Comunicación Premios María Casares), 2017-03-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) CiberLabFP configúrase como un espazo de aprendizaxe, experimentación e desenvolvemento de competencias en contornos reais que integran tecnoloxías da información (IT) e de operación (OT) para así adaptar a Formación Profesional aos novos escenarios de transformación dixital. Entre as súas funcionalidades destacan a formación especializada do profesorado, a simulación de ciberataques e defensa en contornos virtuais, a análise forense industrial ou a validación de sistemas. Ademais, contará cunha estación móbil que permitirá levar a tecnoloxía a centros educativos e realizar demostracións en empresas e feiras.
Foto de la tercera plana (costa-litoral-illas-cies.jpg) Celebrouse hoxe a sesión constitutiva do Foro do Litoral de Galicia, que será o máximo órgano colexiado de consulta e participación do conxunto da sociedade co fin de optimizar a xestión e ordenación da costa galega. Nel están representadas a Administración autonómica e as locais así como os sectores social, científico, económico e medioambiental e as entidades implicadas na protección do patrimonio natural co fin último de garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral. A constitución do foro facilitará a partir de agora facer un seguimento das normas, políticas e instrumentos do litoral.

Notas

Baixo o lema A inclusión no centro: perspectivas internacionais para o cambio institucional desenvolverase entre os días 4 e 8 de maio a International Staff Week 2026, unha iniciativa coa que a Vicerreitoría de Internacionalización persegue un triplo obxectivo: fortalecer as relacións internacionais da UVigo: explorar novas oportunidades de colaboración académica; e compartir boas prácticas en materia de mobilidade internacional.
Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e se repara o cerebro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES