Notas de prensa

CDG e ESAD programan unha conferencia sobre os usos actuais da tremoia do barroco

A conferencia programada polo CDG e a ESAD na biblioteca do Salón Teatro de Compostela o martes 14 de marzo correrá a cargo do profesor belga Jerôme Maeckelbergh, deseñador de escenografía en máis de 50 producións teatrais, premio Europa Nostra 2014 e recoñecido divulgador do patrimonio escenográfico teatral.

O profesor belga Jerôme Maeckelbergh imparte o 14 de marzo no salón Teatro de Santiago de Compostela a conferencia titulada ‘A tremoia escenográfica no teatro barroco’, unha iniciativa formativa promovida pola Escola de Arte Dramática (ESAD) de Galicia en colaboración co Centro Dramático Galego (CDG).

Maeckelbergh, recoñecido experto internacional na divulgación patrimonial da utilización histórica desta maquinaria, utilizada sobre todo no século XVII, defende o seu potencial para o seu uso en producións contemporáneas, deixando á imaxinación do escenógrafo/a as súas posibilidades de adaptación ás escenografías actuais. Así, ademais dunha revalorización desta técnica histórica no uso teatral contemporáneo, a conferencia tamén pretende ser un chamamento para os deseñadores, estudantes, profesionais e amantes do teatro en xeral, abrindo novas posibilidades á caixa escénica.

O profesor Maeckelbergh visita Galicia para a difusión dos seus coñecementos e da súa teoría, a partir da súa presentación por vez primeira nun congreso mundial en 2014, no que se axudou dunha maqueta a escala 1/10 da reprodución en miniatura de todas as trucaxes escénicas.

Despois de terse impartido en diferentes foros de países como Suecia, Copenhague, EE.UU, Gales, Austria, Lituania ou Francia, a conferencia ofrécese por primeira vez no noso país con dúas datas programadas: o 13 de marzo en Vigo e o 14 de marzo en Santiago, esta última dentro do programa formativo do Centro Dramático Galego.

A sesión terá lugar en inglés con tradución consecutiva a cargo de Eufrasio Lucena-Muñoz, deseñador de escenografía e iluminación titulado pola Facultade de Teatro de Praga e pola ESAD. Desenvolverase na sala da biblioteca do Salón Teatro a partir das 19.30 horas e o acceso será libre ata completar a capacidade da sala.

Deseñou a escenografía de máis de 50 producións para teatro e xénero musical. Tamén realizou a utilería, as máscaras e o traballo escultórico doutras tantas.

É membro de OISTAT (Organización Internacional de Escenógrafos, Arquitectos e Técnicos de Teatro) e dinamizador do proxecto ‘Theatre Words’ que recolle, a modo de dicionario, os termos técnicos do mundo do teatro máis comúns en diferentes linguas.

A súa especialización no ámbito da tecnoloxía escénica foi a partir de 2012, cando recibiu a noticia de que o teatro Bourla (Bourlaschouwburg) de Amberes ía ser desmantelado. Este espazo está considerado como o teatro municipal máis grande de Europa, que conserva a súa maquinaria histórica. Nese momento, organiza unha serie de conferencias internacionais para sensibilizar ao público, o que o leva a recibir a distinción de Europa Nostra en 2014 pola conservación do patrimonio histórico europeo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-03-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES