Notas de prensa

Destacan o valor histórico dos máis de 600 libros do fondo documental do Banco Gallego

O titular da Xunta presidiu o acto de entrega do fondo documental histórico do Banco Gallego ao Arquivo de Galicia por parte da Fundación Banco Sabadell, e destacou o valor histórico dos máis de 600 libros. Entre os exemplares custodiados figuran todo tipo de documentación de bolsa, de factura, de billetes, de caixa ou de negociados.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o valor histórico e cultural dos máis de 600 libros do fondo documental do Banco Gallego que, desde hoxe, estarán á disposición de todos os galegos no Arquivo de Galicia.

Durante o acto de entrega do fondo por parte da Fundación Banco Sabadell, Feijóo salientou que entre os exemplares custodiados no Arquivo de Galicia figuran todo tipo de documentación de bolsa, de factura, de billetes, de caixa ou de negociados, e tamén as copias das cartas do Banco Gallego, nas que se recolle a cultura de comunicación e de relación da empresa.

Ao respecto, aseverou que, a través da súa pegada, se poderá coñecer o papel que desenvolveu a banca na vida dos galegos desde 1760 ata o inicio do século XX, desde todos os puntos de vista: o dos clientes, pero tamén os dos propios fundadores do banco, que desenvolveron unha intensa actividade industrial e comercial en ámbitos como a fabricación de coiros, as conservas ou a obra pública.

O presidente da Xunta lembrou que, froito desta concepción, que aspira a entender a Galicia actual desde as súas raíces é a creación da Memoria Dixital de Galicia, que empregará a tecnoloxía para levar aos galegos de hoxe e de mañá o que fixeron os galegos de onte.

Logo de precisar que o préstamo en comodato que hoxe se recibe non supón un cambio na propiedade dos documentos, pero si unha universalización no seu acceso, o responsable do Goberno galego trasladou o desexo de que os case 3000 libros que constitúen o arquivo histórico do Banco Gallego acaben repousando no Arquivo de Galicia, e constituír así unha das coleccións estrela albergadas pola Cidade da Cultura.

Ademais do valor histórico, Feijóo puxo de manifesto o gran valor destes fondos como testemuñas dun fenómeno que caracterizou boa parte da nosa historia: a emigración a América.

Ao respecto, aseverou que estes documentos permiten probar a correlación entre as remesas enviadas desde a diáspora e a redención dos foros, que lles permitiu aos labregos acceder á propiedade das terras que traballaban desde había séculos.

Feijóo concluíu recordando que o Arquivo de Galicia custodia outras coleccións senlleiras como a da Banca Bengoechea ou a da familia Vilariño Pintos, a primeira en abrir un camiño de doazóns ao que cada vez se unen máis particulares e empresas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-03-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES