Notas de prensa

O CGAI participa no programa pedagóxico CinED para descubrirlle á mocidade o cine europeo de autor

Impulsado polo Institut Français e coordinado en España pola asociación A Bao A Qu, a Filmoteca de Galicia forma parte como institución pioneira nesta rede que xa se aplica en sete centros educativos galegos. A presentación tivo lugar en Madrid con alumnado e os cineastas Jonás Trueba e José Luis Guerín.

O cine Doré de Filmoteca Española acolleu esta mañá a presentación de CinEd, un programa pedagóxico que comeza este ano a aplicarse en centros educativos españois para impulsar o cine europeo de autor entre a mocidade e que está coordinado para a nosa Comunidade polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia).

Con sete centros xa asociados, Galicia é pioneira na implantación desta iniciativa, que parte do Institut Français para toda Europa co obxectivo de dar a coñecer as películas de carácter artístico mediante a incorporación de programas transversais nas escolas en torno á educación en cine. O IES Francisco Aguiar de Betanzos, o IES e Poio, os IES Catabois e o Carballo Calero de Ferrol, o IES Rafael Dieste da Coruña, o IES Mosteirón de Sada e o IES de Cacheiras-Teo son os centros galegos participantes.

A metodoloxía de CinEd é desbotar o uso habitual dos filmes como ferramentas pedagóxicas simplemente pola temática tratada, para ir máis alá e chegar a “un descubrimento activo, creativo e reflexivo do cine” cun programa no que se propoñen “pistas para abordar de forma transversal outros contidos curriculares”, indicaban esta mañá Nuria Aidelman e Laia Colell, responsables da asociación A Bao A Qu, que coordina en España a iniciativa.

Ao acto tamén asistiron o director do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Óscar Graefenhein, e a directora de Cultura do Instituto Cervantes, Beatriz Hernanz, como responsables das institucións que sosteñen o programa en España. Estiveron ademais acompañados da profesora Fanny Figueras, dos cineastas Jonás Trueba e José Luis Guerín e de Mónica García, responsable dos programas pedagóxicos do CGAI-Filmoteca de Galicia.

O CGAI, pioneiro

En Galicia, CinEd xa se está a desenvolver en sete centros. A dinámica consiste en asistir a proxeccións na filmoteca para despois poder traballar na clase en torno a esas películas. Xa en xaneiro, o CGAI recibiu alumnos e alumnas de varios institutos para ver 'Pierrot le fou' de Jean-Luc Godard e 'El espíritu de la colmena' de Víctor Erice. García destacou do programa “a formación e o traballo co profesorado”, que tamén debe seguir un curso no que se lles fornece de materiais pedagóxicos para aplicar nas súas correspondentes disciplinas. Isto “xera un marco de traballo privilexiado con ferramentas para un descubrimento creativo do cine”, explicou García, quen incidiu no “catálogo de películas que son as que nós buscamos, películas singulares que supoñen experiencias únicas” e que poden chegar á filmoteca e aos centros grazas a seren incluídas nesta escolma.

Recordou tamén a coordinadora de programas pedagóxicos co CGAI que CinEd vén a sumarse a 'Cine en curso', outro programa no que estudantes de primaria e secundaria fan as súas propias películas, xa activo dende o 2013. Ambos os dous forman parte do Plan Proxecta, impulsado dende o Departamento de Innovación Educativa da Xunta de Galicia, que implica concibir o traballo dende a transversalidade e dividido por proxectos.
Debate con José Luis Guerín

Varios estudantes de centros de Madrid acudiron á presentación e alí puideron coñecer un dos cineastas implicados no proxecto nesta Comunidade, Jonás Trueba. Porén, o protagonista da xornada foi o catalán José Luis Guerín, quen ten o seu filme 'En construcción' na escolma de películas coas que se traballa no marco de CinEd.

Guerín, profesor da Universidade Pompeu Fabra cando fixo este filme co seu alumnado, leva anos ligado á educación e é recoñecido como un gran pedagogo entre a cinefilia española. Esta mañá, non só comentou detalles da súa cinta logo de proxectarse, senón que tamén ofreceu a súa visión doutras obras dun catálogo que inclúe títulos como 'Il posto' de Ermanno Olmi ou 'La vuelta a clase' de Jacques Rozier, coas que os mozos e mozas traballarán en breve nos seus respectivos centros.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-03-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) CiberLabFP configúrase como un espazo de aprendizaxe, experimentación e desenvolvemento de competencias en contornos reais que integran tecnoloxías da información (IT) e de operación (OT) para así adaptar a Formación Profesional aos novos escenarios de transformación dixital. Entre as súas funcionalidades destacan a formación especializada do profesorado, a simulación de ciberataques e defensa en contornos virtuais, a análise forense industrial ou a validación de sistemas. Ademais, contará cunha estación móbil que permitirá levar a tecnoloxía a centros educativos e realizar demostracións en empresas e feiras.
Foto de la tercera plana (costa-litoral-illas-cies.jpg) Celebrouse hoxe a sesión constitutiva do Foro do Litoral de Galicia, que será o máximo órgano colexiado de consulta e participación do conxunto da sociedade co fin de optimizar a xestión e ordenación da costa galega. Nel están representadas a Administración autonómica e as locais así como os sectores social, científico, económico e medioambiental e as entidades implicadas na protección do patrimonio natural co fin último de garantir unha gobernanza que permita unha participación suficiente de todos os sectores da sociedade interesados no litoral. A constitución do foro facilitará a partir de agora facer un seguimento das normas, políticas e instrumentos do litoral.

Notas

Baixo o lema A inclusión no centro: perspectivas internacionais para o cambio institucional desenvolverase entre os días 4 e 8 de maio a International Staff Week 2026, unha iniciativa coa que a Vicerreitoría de Internacionalización persegue un triplo obxectivo: fortalecer as relacións internacionais da UVigo: explorar novas oportunidades de colaboración académica; e compartir boas prácticas en materia de mobilidade internacional.
Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e se repara o cerebro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES