
O Concello de Santiago continúa conmemorando os 180 anos do nacemento da poeta compostelá Rosalía de Castro. Por iso, o venres 24 de febreiro, ás 20:30 horas, organízase un concerto no Teatro Principal para homenaxeala no Día de Rosalía.
O concerto corre a cargo do grupo 2naFronteira que, en formato trío, interpretarán unha selección de temas de marcado carácter rosaliano. Estarán acompañados pola percusionista Marta Figueiredo. As persoas asistentes poderán escoitar cancións de varios dos seus discos e algunhas inéditas que serán dedicadas á poeta.
Algunhas das composicións son textos de Cantares gallegos que eles mesmos musicaron e outras son poemas que dedicaron outros autores a Rosalía, como Otero Pedrayo ou mesmo García Lorca. Levan anos versionando poemas que dalgunha maneira representan a Rosalía de Castro e que inclúen habitualmente nos seus concertos.
O grupo 2naFronteira interpretou parte deste repertorio no Parlamento de Galicia, cando se publicou o facsímile de Cantares Gallegos, ou na Deputación de Pontevedra, na entrega do premio Otero Pedrayo a Neira Vilas; e recentemente, na Casa da Matanza, na Casa Museo de Rosalía, co piano da súa familia.
Esta será a primeira ocasión na que farán un espectáculo dedicado exclusivamente a ela e preparado especialmente para esta ocasión e nunha data tan sinalada, como son os 180 anos do seu nacemento. O concerto será ás 20:30 horas no Teatro Principal e a entrada é libre até completar aforo, previa retirada de billetes na billeteira do Teatro o día do concerto.
O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.