
A sede da Fundación Eugenio Granell acolleu a proxección do documental Cortázar Galicia, unha peza audiovisual dirixida por Juan de la Colina arredor das viaxes que o escritor arxentino e Aurora Bernárdez realizaron a Galicia nos anos 1956 e 1957.
Durante a presentación do traballo, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o interese da obra para afondar na intensa vinculación que o autor arxentino mantivo con Galicia, así como na presenza que esta terra tivo no seu universo literario. Tamén recordou o papel da primeira muller de Cortázar, Aurora Bernárdez, nesta relación, que, con todo, xa comeza antes de que o escritor a coñeza.
As cartas e outros textos sobre as viaxes que Julio Cortázar fixo a Galicia son a base desta peza documental, producida por Miramemira coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, e que se apoia en documentación facilitada polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), pola Fundación Juan March e pola Fundación Luís Seoane.
O arquivo fotográfico e fílmico de Julio Cortázar foi depositado por Aurora Bernández no Centro Galego de Artes da Imaxe, xestionado pola Consellería de Cultura, Educación e O.U., no ano 2006 para a súa custodia e conservación.
Producido por Miramemira coa colaboración da Xunta de Galicia, o documental estreouse en 2014 no marco do centenario do escritor, co obxectivo de favorecer o achegamento ao universo galego dun dos nomes máis destacados da literatura universal.
O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.