Notas de prensa

Rodrigo García pecha o mércores 15 de febreiro o festival ‘Escenas do Cambio’ da Cidade da Cultura

O dramaturgo arxentino presenta ‘Muerte y reencarnación en un cowboy’, un traballo corrosivo e irreverente que supón unha das súas obras cumio. A Cidade da Cultura despide con este traballo a terceira edición de ‘Escenas do Cambio’, que contou con 25 pezas procedentes de 10 países diferentes e no que Galicia foi protagonista con compañías como Chévere ou Matarile.

Rodrigo García, autor de obras irreverentes e “textos que estalan como bombas’, é o encargado de pechar o mércores, 15 de febreiro, ‘Escenas do Cambio. Festival de Inverno de Teatro, Danza e Arte en Acción’ da Cidade da Cultura. Será cunha das súas obras cumio: ‘Muerte y reencarnación en un cowboy’, ás 20:30 horas no Museo Centro Gaiás.

Tras quince días coas propostas máis actuais do teatro contemporáneo, ‘Escenas do Cambio’ despídese cun dos grandes nomes da nova escena. Creador atípico que conxuga nos seus espectáculos elementos do pasado e da cultura popular de hoxe, Rodrigo García elabora xunto a súa compañía La Carnicería Teatro unha linguaxe teatral sorprendente que recolle as ideas e as emocións que axitan á nova xeración teatral.

En ‘Muerte y reencarnación en un cowboy’, Rodrigo García presenta o desafío de vivir no abismo de cada instante. Once anos despois de presentar ‘Accidens’ na Sala Nasa, Rodrigo volve a Santiago con este traballo corrosivo e de marcado acento propio. As entradas para este último espectáculo de Escenas do Cambio están dispoñibles na billeteira do Museo Centro Gaiás ou por venda electrónica en ataquilla.com.

Quince días de escena contemporánea

Con ‘Muerte y reencarnación en un cowboy’ ponse fin a un programa que constou de 25 pezas de artistas e compañías de 10 países diferentes, e na que o teatro galego tivo unha presenza destacada con nomes como Chévere, Matarile Teatro ou iLMaquinario, entre outros nomes.

A ollada á escena galega conviviu nesta terceira edición de ‘Escenas do Cambio’ coa atención ao teatro contemporáneo de América Latina, con propostas de nomes imprescindibles como Federico León, Rodrigo García, Guillermo Calderón, Mariano Pensotti, Manuela Infante ou Magdalena Arau. Xunto a estas montaxes, ‘Escenas do Cambio’ avanzou na súa vocación de traer a Galicia proxectos dalgunhas das compañías máis inquedas do panorama internacional, como o colectivo BERLIN, ou os proxectos de Ant Hampton e Tim Etchells, Takao Kawaguchi ou Trajal Harrell.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-02-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES