
O Teatro Principal de Santiago acolle catro funcións de Estado de graza, o espectáculo co que Teatro do Noroeste está a conmemorar os seus trinta anos de traxectoria como unha das compañías fundacionais da escena profesional en Galicia. A montaxe, que poderá verse en Compostela do xoves ao domingo, é unha das 29 propostas subvencionadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través da convocatoria de axudas á produción escénica de 2016.
Así o explicou o director da Agadic, Jacobo Sutil, na súa intervención durante a presentación aos medios de Estado de graza, na que compartiu mesa con Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, e con Eduardo Alonso e Luma Gómez, fundadores e responsables de Teatro do Noroeste.
Sutil sinalou, ademais, que este é un dos espectáculos destacados en canto ao número de funcións contratadas este semestre a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de distribución escénica e musical que xestiona a Agadic en colaboración con preto de 40 entidades locais de toda Galicia. De feito, as dúas primeiras representacións en Santiago desta montaxe (o xoves e o venres) insírense na programación da Rede, como tamén a súa estrea o pasado día 3 no Pazo da Cultura de Narón.
Os catro pases de Estado de graza en Santiago están programados ás 20.30 horas no Teatro Principal, o mesmo espazo que o venres 17, ás 18.00 horas, acollerá a presentación do libro conmemorativo deste trinta anos de traxectoria. Este acto será de entrada libre, mentres que as localidades para o espectáculo poden mercarse en entradas.abanca.com, no 902 434 443 ou no despacho de billetes do teatro ata o domingo 19 de febreiro a partir das 18.00 horas.
A difícil relación entre unha filla que ansía a liberdade e unha nai dominada polas crenzas relixiosas máis profundas é o eixo temático da nova proposta de Teatro do Noroeste, situada no ano da morte de Franco. Así, Estado de graza achéganos o enfrontamento entre unha xeración dominada pola beatería máis contumaz e a seguinte, coa liberdade por bandeira. Eduardo Alonso é o autor e director desta proposta, interpretada por Luma Gómez, Imma António, Manuela Varela e Nini True.
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro profesional galega fundada no 1987. Na súa dilatada traxectoria, ten producido e distribuído unha gran cantidade de espectáculos. Entre estes pódense salientar textos clásicos como Rei Lear, Macbeth e Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; ata textos máis contemporáneos como Os Xustos, de Albert Camus. Tamén ten levado a escena textos de autores galegos como Historias peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ademais das obras do propio Eduardo Alonso como o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, entre moitos outras.
O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.