Notas de prensa

Cristina Bordas e Oli Xiráldez abordan no CCG o estado da restauración de instrumentos históricos

A musicóloga, investigadora e profesora titular da UCM, Cristina Bordas e o artesán e restaurador de instrumentos antigos de vento, Oli Xiráldez, participan na xornada Metodoloxía e criterios sobre restauración de instrumentos históricos. Estado da cuestión en Galicia, prevista para o día 15 de febreiro no Consello da Cultura Galega.

Ambos especialistas analizarán o estado e os criterios actuais de preservación do noso patrimonio musical, un patrimonio de gran valor que cómpre transmitir a futuras xeracións como testemuño material da propia historia.

O Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música do Ministerio de Cultura publicaba en 1999 o primeiro volume de Instrumentos musicales en colecciones españolas. Museos de titularidad estatal da musicóloga, investigadora e profesora titular da UCM, Cristina Bordas Ibáñez. Logo aparecerían o segundo volume (2001) e a reedición en 2008 desta obra de referencia para o coñecemento do patrimonio instrumental dos museos estatais. Trátase, ademais, dunha ferramenta básica de análise e documentación para o traballo de músicos, luthiers, historiadores da arte e museógrafos.

Cristina Bordas participa o día 15 de febreiro na xornada sobre metodoloxía e criterios sobre restauración de instrumentos históricos. A profesora titular de Musicoloxía da Universidad Complutense de Madrid falará sobre Patrimonio instrumental e criterios actuais sobre a súa preservación. Estado da cuestión en Galicia. Xunto a ela, o restaurador, produtor de instrumentos antigos e artesán de frautas e gaitas glegas, Oli Xiráldez, abordará a restauración e conservación de instrumentos de vento antigos dende un punto de vista galego. Estes expertos permitirannos incidir na necesidade de contar con estudos previos rigorosos e documentados que favorezan o vínculo entre o obxecto e a súa historicidade e valor cultural.

A xornada, coordinada por Sergio Sieiro e Xosé V. Ferreirós, xorde do interese da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega de sensibilizar a sociedade sobre a importancia do noso patrimonio musical instrumental. Ademais desta finalidade divulgativa, quere servir de punto de encontro de especialistas para coñecer o estado da cuestión en Galicia e debatermos sobre o futuro co fin de mellorar a comunicación entre os diferentes profesionais e a sociedade.

Consello da Cultura Galega (CCG), 2017-02-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES