Notas de prensa

O Consorcio de Santiago e Galaxia publican un libro e un CD con cancións dedicadas á cidade con fins solidarios

Baixo o título Santiago invisible, o Consorcio de Santiago e a Editorial Galaxia acaban de publicar un proxecto fotográfico, literario e musical centrado na cidade de Santiago e cuxos beneficios se destinarán ao Fondo de Emerxencias de Médicos Sin Fronteras.

O impulsor desta iniciativa é o médico valisoletano afincado na Coruña Chema Ríos, colaborador de Médicos Sin Fronteras a través da Asociación Cultural sen ánimo de lucro Acordes pola Paz. Trátase dun libro composto por máis de 200 fotografías inéditas e singulares da cidade de Santiago, realizadas nos últimos sete anos polo propio Chema Ríos, gran afeccionado á fotografía e á música, e que ofrece unha perspectiva pouco habitual dos espazos máis representativos de Compostela.

Boa parte das fotografias foron glosadas, individual e persoalmente, por algún dos 52 persoeiros do ámbito galego e nacional que colaboraron desinteresadamente con este proxecto. Son personalidades tan recoñecidas como os escritores Antonio Gala, Manolo Rivas, Suso de Toro; cantantes como Joan Manuel Serrat, Raphael, Julián Hernández, Antón Reixa; cineastas como Alejandro Amenábar e actores como Luís Tosar ou Manuel Manquiña; presentadores de televisión como o Gran Wyoming ou Xosé Ramón Gayoso; humoristas como Luís Piedrahita e Moncho Borrajo; os ex-presidentes da Xunta de Galicia Emilio Pérez Touriño, Fernando González Laxe, Gerardo Fernández Albor e Manuel Fraga; o director da Real Academia Española, Darío Villanueva; o catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago Ángel Carracedo; xunto a políticos, economistas, poetas, médicos, sacerdotes, mestres, libreiros, xornalistas, historiadores… ata persoas sen tanta popularidade pero con mestría na pluma.

O libro inclúe un CD cun himno a Compostela e cancións vencelladas á cidade, interpretadas por Milladoiro, Susana Seivane ou Rosa Cedrón, entre outros. Foi gravado no Auditorio de Galicia coa colaboración da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Paul Daniel. Recolle a canción "Himno do máxico amor a Compostela", composta (letra e música) para este proxecto por Juan Álvarez, médico, ex-profesor da Harvard Medical School durante 15 anos e moi afeccionado á música; coa axuda de Carolina Rubirosa, colaboradora tamén de MSF e que pon voz á canción, coñecida por ser a primeira que cantou temas de The Beatles en galego en The Cavern (o santuario Beatle de Liverpool). Carolina interpreta a versión inglesa deste himno, destinada a espallar Santiago polo resto do mundo, e para a que se está a facer tamén un videoclip. A versión galega do himno, con letra da poetisa Eva Veiga e Nicolás Vidal, faina Rosa Cedrón. A produción musical é do compositor e músico coruñés Nani García.

O CD reúne ademais outras cancións vencelladas a Compostela e interpretadas por grupos e artistas como Milladoiro, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Nani García Trío, Jazzman (Quique Azambuya), Juan Álvarez, Pancho Álvarez e Linces Pop (o conxunto musical da adolescencia de Chema Ríos).

No acto de presentación do libro, Carolina Rubirosa e Rosa Cedrón cantan o "Himno do máxico amor a Compostela", acompañadas ao piano por Nani García.

Fotografía: publicación "Santiago invisible"

Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela, 2017-02-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES