Notas de prensa

O Salón Teatro estrea "Desconexión" a cargo de Xurxo Cortázar e con dirección de Santiago Cortegoso

O espectáculo preséntase ao público os días 10, 11 e 12, despois do período de residencia técnico-artística que está a desenvolver no mesmo escenario. En Desconexión, o individuo 724/2013 FK3 cumpre a súa condena conectado a un semáforo regulando o tránsito de peóns. Ten dobre personalidade: cando viste traxe verde é amable e deixa pasar; con traxe vermello é malencarado e manda parar.

A compañía do creador e intérprete Xurxo Cortázar ocupa o Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde estreará o espectáculo ‘Desconexión’ o venres día 10 ás 20.30 h e levará a cabo dúas funcións máis o sábado 11 (tamén ás 20.30 h) e o domingo 12 (ás 18.00 h). Serán as primeiras representacións para público xeral desta montaxe, que conta con dramaturxia e dirección de Santiago Cortegoso, como remate ao traballo técnico-artístico que está a desenvolver dentro do programa de residencias do Centro Dramático Galego (CDG).

No marco dese mesmo plan de actividade, no que a compañía pública de teatro presta apoio ás formacións galegas, xa pasaron polo Salón Teatro con anterioridade os espectáculos ‘Salvador’, de Borja Fernández, e ‘Política de terra queimada’, da compañía Santa Nómina. En próximas datas beneficiaranse tamén deste sistema as montaxes ‘Tropical’, de Elefante Elegante, e ‘Elisa e Marcela’, a cargo de A Panadaría’ en coprodución co CDG.

Os riscos de desconectar da rutina

En ‘Desconexión’, o individuo 724/2013 FK3 cumpre a súa condena conectado a un semáforo regulando o tránsito de peóns. Ten dobre personalidade: cando viste traxe verde é amable e deixa pasar; cando viste traxe vermello é malencarado e manda parar. Xornada tras xornada, desenvolve a súa rutineira misión, sen poder esquecer o seu obxectivo soñado: fuxir cara á liberdade e converterse nun ser humano. Ata que escoita unha voz sensual que o fai saír da súa gaiola e emprender unha viaxe cara ao descoñecido. Por fin atopou unha vía para desconectar. No seu periplo vaise atopar en situacións novas para el, que terá que resolver coa dignidade que lle permita o feito de ser un monifate sen personalidade definida.

Así, mediante a metáfora da dualidade do monifate do semáforo, en ‘Desconexión’ trátanse temas inherentes ao ser humano: a rutina e as gañas de fuxir dela, a necesidade de formar parte de algo e a necesidade de individualidade, o afán de estar conectado e o afán de desconectarse... Sempre desenvolvidos desde o humor pero co fondo tráxico do sentimento de falta de liberdade para poder tomar decisións propias.

Monólogo cómico e acedo

Despois do seu paso por formacións como Migallas Teatro e Baobab Teatro, o vigués Xurxo Cortázar asume en solitario este espectáculo, para o que conta con dramaturxia e dirección de escena de Santiago Cortegoso e con Crémilo-Carlos Martínez Carbonell na distribución e produción asociada. Outros nomes que figuran no proxecto son Dani Abalo (iluminación e son), Juan Silva (escenografía, vídeo e fotografía) e Juli Morales (deseño gráfico).
O propio Cortázar encarna toda a interpretación nun monólogo de ton cómico pero con fondo acedo, ao que se suman as voces en ‘off’ de Santiago Cortegoso e de Marián Bañobre.

O resultado do traballo amosarase tamén nos próximos días a grupos de escolares en sesións matinais, en tanto que as localidades para as funcións do venres, sábado e domingo están xa á venda na billeteira electrónica de Entradas Abanca.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-02-07

Actualidad

Foto del resto de noticias (lugopoetica-2026.jpg) O proxecto Lugopoética dá un novo paso na difusión da poesía galega coa publicación do libro Lugopoética 2026, unha obra que recolle a creación e as reflexións de doce poetas participantes na terceira edición deste ciclo literario, desenvolvido na sede da UNED de Lugo durante o primeiro semestre do ano. A publicación reúne os contidos dun programa que busca achegar a poesía á cidadanía, favorecer o encontro entre autores e lectores e contribuír á difusión da literatura en lingua galega. A iniciativa consolídase así como un espazo de diálogo arredor da palabra poética, no que conviven traxectorias consolidadas e novas voces da creación literaria.
Foto de la tercera plana (industria.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Innovación Empresarial, 'con horizonte 2028 e dotada de máis de 400 millóns de euros'. O obxectivo é apoiar ao tecido produtivo para que 'a innovación forme cada día máis parte das empresas', algo fundamental para 'ser máis competitivos e non quedar atrás' nun mundo cada vez máis global e tecnolóxico. Baixo o nome Galicia, fábrica de Innovación, a nosa Comunidade contará por primeira vez cunha estratexia específica para a innovación, un conxunto de medidas cun marco común para coordinar e reforzar os instrumentos de apoio existentes e incorporar outros cunha prioridade: industrializar a innovación.

Notas

A Conferencia internacional de investigación en linguas celebrou o ano pasado a súa primeira edición, un evento que marcou o fito inaugural do Instituto de Investigación iLingua. O simposio nacía con vocación de continuidade e así será, porque en novembro terá lugar a segunda edición. O programa do CIIL26 incluirá, ademais de conferencias plenarias convidadas, comunicacións presentacións e exposicións de pósteres.
Quince centros educativos galegos participarán no VII programa Talentos Inclusivos do CITIC, tal e como se recolle na resolución publicada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Dez centros da provincia da Coruña, dous de Lugo, un de Ourense e dous de Pontevedra súmanse a esta iniciativa, orientada ao desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que contribúan a mellorar a autonomía e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES