Notas de prensa

Nace Compostela é Música, un censo online dos grupos e músicos profesionais locais

O alcalde presentou Compostela é Música, un proxecto impulsado pola sección local da asociación Músicos ao Vivo e que conta co apoio do Concello de Santiago. A plataforma online pretende cartografar a escena musical da capital galega. Tamén se busca que "fagan piña na cidade e que teñan máis oportunidades para mostrar o seu talento".

Martiño Noriega estivo acompañado por tres dos membros dese colectivo: Nastasia Zürcher, Xabier Mera e Xacobe Martínez Antelo. Compostela é Música será unha plataforma online que pretende cartografar a escena musical da capital galega. O obxectivo é crear un censo oficial, público e actualizado, que poderá ser utilizado polos programadores culturais públicos e privados, e que servirá tamén como lugar de encontro para os propios artistas.

Martiño Noriega salientou que a creación desta plataforma online facilitaralle ao propio Concello o coñecemento e o contacto cos músicos de Compostela, á hora de deseñar a súa propia programación cultural. O alcalde lembrou que "para o Goberno é unha prioridade que os artistas locais teñan a oportunidade de mostrar o seu potencial". Nesa liña, recordou que o Concello vén organizando ciclos con músicos locais tanto nas festas do Nadal como nas do Apóstolo. Así, o alcalde citou o programa Música a pé de rúa, vinculado aos orzamentos participativos da área de Mocidade e que lle deu a varios grupos de Santiago a oportunidade de actuar na cidade en plenas festas.

Mapa da música local

Para a plataforma de Músicos ao Vivo, a posta en marcha deste recurso permitirá que os músicos "fagan piña na cidade e que teñan máis oportunidades para mostrar o seu talento". Xacobe Martínez Antelo salientou que o censo de Compostela é Música tamén "nos permitirá coñecer mellor o carácter da música na nosa cidade, saber que estilos predominan entre os grupos da cidade e cales poden ser as súas carencias".

A plataforma tamén permitirá ter unha idea máis exacta de cantos grupos temos na cidade. Segundo explicou Xabier Mera, "a asociación de Músicos ao Vivo fixera un primeiro censo informal, e xa contabilizara 80 grupos e artistas, só de xente próxima".

Requisitos

Compostela é Música está dirixido a proxectos musicais profesionais e en activo na área de Santiago. Está aberto a todos os xéneros musicais, a todos os tipos de formación e a todas as idades. Para formar parte da base de datos é preciso que un mínimo do 50% dos membros do proxecto musical desenvolva con regularidade a súa base de acción profesional musical en Santiago, e que un mínimo do 50% dos membros do grupo sexan residentes en Compostela e/ou comarca.

O prazo de inscrición na plataforma será do 15 de febreiro ao 15 de marzo, e a partir de aí ábrese un prazo para revisar a información. O obxectivo é que o censo sexa público a partir do 1 de abril.

Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela, 2017-02-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-gaivota-cdg.JPG) A primeira etapa da xira de A Gaivota, ensaio aberto desenvolveuse do 12 ao 15 de outubro na sala Atahualpa do Teatro El Galpón de Montevideo, en coprodución con esta institución e no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai, FIDAE. O programa comprendeu sete representacións nas que Déborah Vukušić compartiu escenario con Camila Durán e Claudia Trecu, que entraron no lugar das actrices galegas Uxía Suevos e Mercedes Castro. A magnífica resposta do público uruguaio contou cunha destacada presenza da comunidade galega, que converteu as funcións nun espazo de encontro arredor da lingua e da creación escénica de Galicia. Esta acollida precede a chegada á Arxentina, onde Déborah Vukušić compartirá escenario coas actrices locais Eugenia Alonso e Carmela Rivero.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

A Igrexa da Universidade acolle ata o 20 de novembro a mostra 'Agora hai terras de millo onde antes estaba Troia', obra de Los Bravú, un dúo artístico integrado por Dea Gómez e Diego Omil. A exposición abriu oficialmente este xoves nun acto no que xunto cos autores interveu a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, que reivindicou a USC como 'espazo de produción e de transmisión de coñecemento onde debe integrarse a cultura, que ten que ser unha experiencia universitaria, unha experiencia de formación'.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para as III Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que se celebraron en Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia profesionais e alumnado das tres universidades galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES