Notas de prensa

O cineasta de culto portugués Pedro Costa presenta a súa obra no CGAI

Arranca o ciclo dedicado a este realizador, gañador do Leopardo de Ouro de Locarno por "Cavalo dinheiro" e autor dunha filmografía que se caracteriza por construír as fitas durante a rodaxe e levar aos extremos as posibilidades das cámaras dixitais, dando pé a unha linguaxe que o converteu en referencia de importancia internacional.

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) proxectará ata o sábado 4 de febreiro boa parte da obra do cineasta portugués Pedro Costa. Considerado un dos máis grandes directores europeos do momento, Costa labrouse a súa sona a base de inventar literalmente o seu propio método de filmación e de sacarlle o máximo partido ás posibilidades das cámaras dixitais.

Onde outros ven defectos que intentan corrixir, el xoga coas imperfeccións dos píxeles e os límites destes aparellos para compor verdadeiros lenzos que tenden á abstracción. Este estilo, combinado coa súa metodoloxía de rodaxe, foi o que o puxo no foco da cinefilia internacional e valeulle a súa consideración como realizador de culto no actual panorama independente.

Xa desde hai anos, o realizador traballa case exclusivamente con habitantes de orixe caboverdiana do barrio lisboeta de Fontainhas. Alí convive con eles durante meses e mesmo anos, filmando paulatinamente as súas obras e sen un plan de rodaxe pechado, polo que as súas películas se cociñan a fogo lento. A retrospectiva que lle dedica o CGAI arranca con dous dos títulos desta serie caboverdiana: ‘Casa de Lava’ (mañá martes, 20.30 h) e ‘No Quarto da Vanda’ (mércores 1 de febreiro, 19.30 h).

Proxección e coloquio

O último título nesta serie é 'Cavalo dinheiro', gañadora do prestixioso Leopardo de Ouro no festival de Locarno. Continuación da que quizais sexa a fita máis coñecida do autor, 'Juventude Em Marcha' (xoves 2, 20.30 h), que foi estreada en Cannes en 2006, retoma aquí o personaxe máis celebre de Costa, Ventura, como figura central. Será esta peza a que o director presentará persoalmente o próximo venres día 3 (20.30 h) na sede da filmoteca galega na Coruña, ofrecendo ademais un coloquio sobre esta fita e o resto que conforman a serie.

Na súa nova entrega sobre esta comunidade periférica de Lisboa, o realizador leva os seus preceptos políticos e estéticos aos límites máis extremos da súa filmografía. Ventura viaxa no tempo nunha estrutura narrativa propia dun soño, nunha espiral de recordos difusos e de escenificacións de eventos pasados que falan da súa situación persoal como inmigrante caboverdiano e serven, ao tempo, de reflexión en clave poética sobre a historia recente de Portugal. A crítica estivo de acordo en considerar que 'Cavalo dinheiro' supón un paso de xigante na evolución da linguaxe fílmica do seu realizador.

Adicionalmente, no ciclo proxectaranse os clásicos do cine portugués 'Os Verdes Anos' (xoves 2, 18.00 h) e 'Mudar de Vida' (venres 3, 18.00 h), ambos os dous de Paulo Rocha, autor clave do Novo Cinema Portugués dos anos sesenta e referente de moitos cineastas actuais, incluído o propio Costa. De feito, este estivo recentemente involucrado na restauración e recuperación dos títulos de Rocha que poderán verse esta semana no CGAI.

De quen tamén recibe unha forte herdanza é de Jacques Tourneur, especialmente da súa obra mestra 'Yo anduve con un zombi'. Esta película pechará o ciclo o sábado 4 (17.30 h), cunha introdución de Pedro Costa na que falará das súas múltiples influencias, poñendo en contexto estes filmes con respecto dos seus e conversando sobre o que recibiu destes mestres.

Master class no MAC

Este especial que o CGAI lle dedica a Pedro Costa prográmase coincidindo coa clase maxistral que o cineasta portugués ofrecerá o sábado, ás 19.00 h, no Museo de Arte Contemporánea (MAC) Gas Natural Fenosa dentro do seu ciclo ‘Cine/Fotografía: contactos’, comisariado por Javier Trigales. A matrícula nesta clase maxistral é gratuíta, previa inscrición no teléfono 981 911 476 en horario de apertura do museo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-01-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-gaivota-cdg.JPG) A primeira etapa da xira de A Gaivota, ensaio aberto desenvolveuse do 12 ao 15 de outubro na sala Atahualpa do Teatro El Galpón de Montevideo, en coprodución con esta institución e no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai, FIDAE. O programa comprendeu sete representacións nas que Déborah Vukušić compartiu escenario con Camila Durán e Claudia Trecu, que entraron no lugar das actrices galegas Uxía Suevos e Mercedes Castro. A magnífica resposta do público uruguaio contou cunha destacada presenza da comunidade galega, que converteu as funcións nun espazo de encontro arredor da lingua e da creación escénica de Galicia. Esta acollida precede a chegada á Arxentina, onde Déborah Vukušić compartirá escenario coas actrices locais Eugenia Alonso e Carmela Rivero.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

A Igrexa da Universidade acolle ata o 20 de novembro a mostra 'Agora hai terras de millo onde antes estaba Troia', obra de Los Bravú, un dúo artístico integrado por Dea Gómez e Diego Omil. A exposición abriu oficialmente este xoves nun acto no que xunto cos autores interveu a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, que reivindicou a USC como 'espazo de produción e de transmisión de coñecemento onde debe integrarse a cultura, que ten que ser unha experiencia universitaria, unha experiencia de formación'.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para as III Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que se celebraron en Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia profesionais e alumnado das tres universidades galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES