Notas de prensa

Martiño Noriega presenta un libro sobre o histórico Banquete de Conxo, na capital galega

Un domingo 2 de marzo de 1856 viviríase un feito insólito: un banquete democrático onde brindaron xuntos, pola liberdade e a fraternidade, estudantes e obreiros. De aquí xurdiría a xeración que logo ía impulsar o Rexurdimento galego. Este libro publícase 160 anos e medio despois da celebración histórica en Compostela.

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora publican Os últimos carballos do Banquete de Conxo, unha visión orixinal e moi amena do xantar pola liderdade que tivo lugar en Conxo no ano 1856 e de onde sairían os promotores do Rexurdimento da cultura galega. O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega, presentan a publicación na Fundación Torrente Ballester. Ao acto asistirán, ademais dos autores, a xerente do Consorcio, Belén Hernández; o responsable de Publicacións do organismo interadministrativo, Juan Conde; e o director da editorial Alvarellos, Henrique Alvarellos.

Este libro publícase 160 anos e medio despois da celebración do histórico Banquete de Conxo nunha carballeira ao pé do río Sar. Este lugar sitúase ao sur da cidade de Santiago, no actual barrio de Conxo. Un domingo 2 de marzo de 1856 viviríase un feito insólito: un banquete democrático onde brindaron xuntos, pola liberdade e a fraternidade, estudantes e obreiros. De aquí xurdiría a xeración que logo ía impulsar o Rexurdimento galego.

A publicación ofrece un paseo -con sesenta imaxes actuais e históricas, debuxos e planos- polas voces e os nomes que alimentaron este espazo mítico. "Neste terreo, localizado nas marxes do río Sar, resiste unha fraga onde se erguen, posiblemente, os últimos carballos centenarios do Banquete de Conxo, testemuñas vivas de acontecementos únicos na historia de Galicia", destacan os autores.

"Quixemos escribir algo novo -ou diferente, quizais, para a maioría- sobre Conxo e o seu Banquete democrático celebrado na carballeira deste barrio compostelán, que foi Concello durante case un século, dende 1936 ata 1925", sinala Henrique Alvarellos. Varios historiadores teñen estudado o seu significado e contexto históricos. Agora faise un percorrido a xeito de crónica por algúns anacos esquecidos deste acontecemento e do lugar que o acolleu, un souto que xa versou no século XIII o trobador Joam Airas.

A publicación recolle catro crónicas de catro autores. O xornalista e editor Henrique Alvarellos, coordinador da edición, fai un percorrido no tempo e na memoria. Primeiro, con Federico García Lorca, que, nunha viaxe de estudos a Compostela en 1916, cando tiña 18 anos, visitou xunto aos seus compañeiros o mosteiro de Conxo, atraídos probablemente pola beleza e singularidade do seu claustro románico. O periplo continúa cos exiliados e emigrados galegos a América nos anos máis escuros; en 1956 reuníronse 1.500 persoas en Bos Aires en memoria do Banquete de Conxo. O xornalista aborda tamén unha carta de Ramón Cabanillas e Enrique Peinador na que se fai referencia ao Banquete. A viaxe segue no bosque, a través da palabra do poeta Aurelio Aguirre, un dos protagonistas daquel xantar, e a voz fundacional de Antonio Neira de Mosquera. E remata coa paixón por Conxo de Rosalía de Castro, lugar onde naceu e ao que tan unida estivo sempre, tal como se reflicte na súa obra; mesmo chegou a denunciar en 1882 a tala masiva de carballos neste bosque.

A explicación do contexto político e cultural do Banquete achégaa o investigador Xurxo Martínez, filólogo e especialista no Rexurdimento. As orixes do Mosteiro de Conxo -en cuxa finca desamortizada se celebrou o acto-, a súa fonda vinculación co fenómeno xacobeo e a descrición dos seus valores artísticos e arquitectónicos corresponde ao historiador Francisco Singul. E a publicación conclúe cun estudo botánico do bosque, realizado polo biólogo Martín Souto, que coas súas descricións e tamén coas súas ilustracións permítenos facer un percorrido polo bosque de ribeira ao pé do río Sar, a través das súas árbores máis antigas -que mediu e datou- e a súa flora máis singular.

É a primeira vez que unha publicación aborda de maneira monográfica a historia do célebre Banquete de Conxo. "Este volume ten tripla vocación de guía, de descuberta e de reparación dun dos espazos que deberían merecer ser declarado Ben de Interese Cultural de Galicia", sinala Alvarellos, que fai referencia a "os últimos carballos de Conxo como metáfora da re(existencia)".

En decembro do pasado ano aparecía na Biblioteca Nacional de España un documento histórico que se cría perdido ou mesmo inexistente: o "Brindis" que Luís Rodríguez Seoane (daquela estudante de Medicina) pronunciara no histórico Banquete e que tamén se recolle no libro como unha separata. Trátase do terceiro brinde pronunciado baixo a carballeira de Conxo; xunto aos dos outros dous organizadores do evento, os poetas Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal.

O brinde de Rodríguez Seoane está escrito en castelán, impreso como unha folla voandeira, saída do prelo do compostelán Manuel Otero, un formato destinado para a súa difusión, de man en man, pola cidade.

Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela, 2017-01-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-gaivota-cdg.JPG) A primeira etapa da xira de A Gaivota, ensaio aberto desenvolveuse do 12 ao 15 de outubro na sala Atahualpa do Teatro El Galpón de Montevideo, en coprodución con esta institución e no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai, FIDAE. O programa comprendeu sete representacións nas que Déborah Vukušić compartiu escenario con Camila Durán e Claudia Trecu, que entraron no lugar das actrices galegas Uxía Suevos e Mercedes Castro. A magnífica resposta do público uruguaio contou cunha destacada presenza da comunidade galega, que converteu as funcións nun espazo de encontro arredor da lingua e da creación escénica de Galicia. Esta acollida precede a chegada á Arxentina, onde Déborah Vukušić compartirá escenario coas actrices locais Eugenia Alonso e Carmela Rivero.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

A Igrexa da Universidade acolle ata o 20 de novembro a mostra 'Agora hai terras de millo onde antes estaba Troia', obra de Los Bravú, un dúo artístico integrado por Dea Gómez e Diego Omil. A exposición abriu oficialmente este xoves nun acto no que xunto cos autores interveu a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, que reivindicou a USC como 'espazo de produción e de transmisión de coñecemento onde debe integrarse a cultura, que ten que ser unha experiencia universitaria, unha experiencia de formación'.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para as III Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que se celebraron en Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia profesionais e alumnado das tres universidades galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES