
Con motivo do centenario do pasamento de Eduardo Pondal, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, xunto coas Fundacións Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Curros Enríquez, está a impulsar unha homenaxe a estes tres autores do Rexurdimento galego, que se fará en colaboración cos concellos implicados, Ponteceso, Padrón e Celanova.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo unha reunión de traballo con representantes das mencionadas fundacións e responsables municipais para avanzar nas iniciativas que se van poñer en marcha.
Ademais do conselleiro e dos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; á reunión tamén asistiron por parte da Fundación Pondal, o alcalde de Ponteceso e presidente desta entidade, Xosé Lois García, e o membro do padroado, José María Varela; o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; e en representación da Fundación Curros Enríquez o alcalde de Celanova e presidente da Fundación, José Luis Ferro, e o técnico de Cultura e secretario da Fundación, Antonio Piñeiro.
Entre as accións máis destacadas, o Goberno galego busca impulsar un itinerario literario do Rexurdimento galego que conecte as figuras de Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Curros Enríquez, os principais autores deste movemento cultural, político e literario da segunda metade do século XIX en Galicia e que se inaugurou coa publicación, en 1863, de Cantares Gallegos.
Esta iniciativa completarase con outras no ámbito parlamentario e no ámbito do Goberno galego, co impulso dun Decreto para a declaración do ano 2017 como Ano Pondal e Ano do Rexurdimento.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.