Notas de prensa

Feijóo compromete un Plan da Cultura Galega consensuado co sector

“Un plan pensado como unha ferramenta de traballo imprescindible que permita fixar unhas bases de planificación a medio prazo do futuro cultural de Galicia”, di, incidindo en que a Cultura é o crisol do pasado e o futuro, “unha creación colectiva feita por todos e para todos”, dixo Feijóo na entrega dos Premios da Cultura Galega 2016.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comprometeu a elaboración dun Plan da cultura galega, acordado cos principais axentes dos distintos sectores culturais, para fixar as liñas mestras de actuación para os vindeiros anos. “Un plan pensado como unha ferramenta de traballo imprescindible que permita fixar unhas bases de planificación a medio prazo do futuro cultural de Galicia”, dixo, incidindo en que a Cultura é o crisol do pasado e o futuro, “unha creación colectiva feita por todos e para todos”.

Nesta liña, e durante o acto de entrega dos Premios da Cultura Galega, Feijóo referiuse a modo de exemplo aos fitos culturais que Galicia protagonizou no 2016. “No ano pasado máis de 2.500 profesionais e 40 países déronse cita na Cidade da Cultura nese gran escaparate internacional chamado Womex. O Mestre Mateo foi o noso gran embaixador no Museo do Prado e esa proxección internacional completouse co papel estelar da cultura galega na Feira Internacional do Libro de Bos Aires. E 2016 foi igualmente o ano do centenario das Irmandades da Fala”, lembrou, destacando tamén que o escritor Camilo José Cela cumpriu o seu centenario e Ramón María del Valle-Inclán cento cincuenta anos.

“Este camiño aberto debe ter continuidade en 2017 e nos seguintes”, afirmou, incidindo na necesidade de contar cunha ferramenta de traballo centrada en estruturar e priorizar as liñas fundamentais de actuación no ámbito cultural.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico destacou tamén a contribución dos galardoados para facer unha Galicia máis libre e “ser como queremos ser”. Con este recoñecemento, Feijóo quixo facer súas as palabras do presidente Xerardo Fernández Albor de hai 35 anos, durante a súa toma de posesión como primeiro presidente democrático da Comunidade, na que facía unha mención expresa á cultura como ferramenta para o espertar da conciencia de Galicia.

Feijóo insistiu en que grazas á Galicia da cultura o pobo galego creou unha identidade colectiva, fíxose presente no mundo e perpetuou a súa pegada na historia. “Galicia está viva. A súa maneira de ser non está ancorada nun momento concreto, nin reducida a tecnoloxías específicas porque posuímos unha cultura capaz de adaptarse, de incorporar tendencias novas e de entender o alleo”, abundou, facendo fincapé en que os galardoados con estes premios son unha boa mostra desa facultade.

Ao respecto, subliñou que Elena Zernova aproxima desde San Pertersburgo dúas culturas situadas nos extremos de Europa, demostrando co seu traballo que existe un substrato común, separado por unha fronteira idiomática que salva grazas a adaptacións e traducións. “E a ela debémoslle un proxecto de Antoloxía da Literatura Galega que leva xa publicados 21 tomos”, engadiu, lembrando que tamén vicepreside desde 2005 a Asociación Internacional de Estudos Galegos.

Da Irmandade Xurídica Galega salientou que con esta entidade o galego recupera o seu prestixio nun ámbito do que semellaba afastado. E de María Xosé Queizán afirmou que non é casual que parte do seu copioso traballo literario estea dedicado a Emilia Pardo Bazán ou a Marguerite Yourcenar, e mesmo máis recentemente á creadora do mito literario de Frankenstein, un mito que podería facerse real nun futuro non tan alongado. “Premiar a María Xosé e premiar a tantas mulleres galegas que loitaron por dereitos que hoxe son básicos. Premiala obríganos tamén a lembrar que non se pode baixar a garda diante dun tipo de violencia especialmente repugnante”, asegurou.

Sobre Miguel Fernández Cid afirmou que é unha desas persoas fundamentais que actúan como a man invisible da cultura, destacando o seu labor como director do Centro Galego de Arte Contemporánea. E, no tocante ao Museo de Pontevedra, asegurou que é algo máis ca un Museo: “Conserva, exhibe, investiga e difunde unha ampla colección de obxectos arqueolóxicos, artísticos, históricos e etnográficos. E custodia con mimo o legado de Castelao, axudando a comprender mellor a personalidade polifacética dun dos pais do galeguismo”, dixo.

En relación ao director e pianista compostelán Maximino Zumalave, Feijóo puxo de manifesto a súa traxectoria internacional, subliñando que baixo a súa batuta estiveron a Orquestra de Cámara de Sttutgart, as Sinfónicas de Praga e Porto, ou a Orquestra Nacional de España, ademais de ser fundador da Real Filharmonía de Galicia. Da sala Numax, Premio Audiovisual, recordou que é a primeira sala galega integrada na Rede de Exhibición Europa Cinemas, e da compañía Sarabela Teatro destacou, ademais dos espectáculos representados en Galicia, España e outros países, o importante labor docente.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-01-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-gaivota-cdg.JPG) A primeira etapa da xira de A Gaivota, ensaio aberto desenvolveuse do 12 ao 15 de outubro na sala Atahualpa do Teatro El Galpón de Montevideo, en coprodución con esta institución e no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai, FIDAE. O programa comprendeu sete representacións nas que Déborah Vukušić compartiu escenario con Camila Durán e Claudia Trecu, que entraron no lugar das actrices galegas Uxía Suevos e Mercedes Castro. A magnífica resposta do público uruguaio contou cunha destacada presenza da comunidade galega, que converteu as funcións nun espazo de encontro arredor da lingua e da creación escénica de Galicia. Esta acollida precede a chegada á Arxentina, onde Déborah Vukušić compartirá escenario coas actrices locais Eugenia Alonso e Carmela Rivero.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

A Igrexa da Universidade acolle ata o 20 de novembro a mostra 'Agora hai terras de millo onde antes estaba Troia', obra de Los Bravú, un dúo artístico integrado por Dea Gómez e Diego Omil. A exposición abriu oficialmente este xoves nun acto no que xunto cos autores interveu a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, que reivindicou a USC como 'espazo de produción e de transmisión de coñecemento onde debe integrarse a cultura, que ten que ser unha experiencia universitaria, unha experiencia de formación'.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para as III Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que se celebraron en Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia profesionais e alumnado das tres universidades galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES