
Unha vintena de profesionais de toda Europa participan en Santiago de Compostela na primeira das tres residencias do encontro SeriesLab, que este ano dá comezo en Galicia grazas á colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o TorinoFilmLab. Este programa formativo está promovido polo Museo Nacional do Cine de Turín e vinculado ao coñecido festival de cinema da devandita cidade italiana, ademais de contar co apoio do subprograma MEDIA de Europa Creativa.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, recibiu hoxe o alumnado e os titores deste primeiro workshop do SeriesLab 2017, centrado no desenvolvemento de guións para series de televisión e para o que foron elixidos nove proxectos europeos. Ademais destas propostas, tres proxectos galegos recibirán unha titoría específica no marco desta colaboración coa Consellería de Cultura: The Writer, de Manuel Darriba; The Brussels Blueprint, de Alphonse de la Puente e Guillermo Madjarian; e Chrysalis, de Samuel Lema e Daniel Froiz.
A residencia consta de catro xornadas de traballo no hotel NH Collection de Santiago durante as que os participantes seleccionados entre os que se atopan guionistas e directores profesionais dos países adscritos a MEDIA están a traballar xunto cos titores internacionais nas súas respectivas propostas cara ao deseño do episodio piloto e a presentación da proposta global no foro de coprodución internacional Series Mania. Asistirán tamén a diferentes sesións de grupo, ademais de obter unha primeira valoración da acollida dos seus proxectos a través de presentacións públicas.
No marco do SeriesLab 2017 organizaranse dúas sesións informativas, abertas a todos os profesionais da industria audiovisual galega. A primeira delas terá lugar baixo o título Temporada a temporada: consideracións sobre o desenvolvemento de series e será impartida polo guionista Nicola Lusuardi, xefe de estudos do encontro. A segunda programouse para a mesma hora do sábado 21 e correrá a cargo do tamén guionista Stefano Sardo, coautor da serie italiana 1992, quen abordará o papel do showrunner nas producións europeas.
Este laboratorio intensivo, que inclúe sesións de seguimento en liña, terá continuidade do 10 ao 15 de marzo cun segundo workshop que reunirá os participantes na rexión italiana de Friuli Venezia Giulia, mentres que o último se celebrará do 15 ao 21 de abril en París no marco do foro Series Mania, onde os participantes exporán os seus proxectos nun pitching internacional e manterán reunións na procura de socios para as súas series.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.