Notas de prensa

O CDG reactiva o programa de residencias no Salón Teatro con Política de terra queimada

A compañía Santa Nómina e a ESAD coproducen este espectáculo, que ocupa en ensaios o escenario do Salón Teatro da capital galega ata o xoves 19 de xaneiro, e se exhibe ao público entre o venres 20 e o domingo 22 de xaneiro. O plan de apoio da compañía institucional a distintos procesos de posta en escena inclúe tamén este ano as montaxes de Desconexión, Tropical e Elisa e Marcela.

O espectáculo Política de terra queimada ocupa o escenario do Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde desenvolverá catro xornadas de residencia que culminarán con tres representacións diante do público o venres, sábado e domingo. Este proxecto escénico da compañía galega Santa Nómina en coprodución coa Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia abre o plan de residencias de 2017 do Centro Dramático Galego (CDG), ao que se sumarán este ano outros tres títulos: ‘Desconexión’, ‘Tropical’ e ‘Elisa e Marcela’.

Germán Gundín, Merche Pérez, Antón Piñeiro, Diego Rodríguez e Amanda Seijas asinan colectivamente a creación de ‘Política de terra queimada’, a quen se lles une na interpretación a voz en off de Pablo Calvo para poñer en pé esta proposta sobre os conceptos de ecoloxía medioambiental e social. Para a súa escrita, os coautores seguen un modelo de ‘dramaturxia asociativa’, que hibrida e mestura distintas linguaxes e modalidades escénicas como o son o teatro ritual, a performance, a danza, o teatro de obxectos ou a música en directo. Son tamén os mesmos membros do equipo os que se fan cargo da escenografía, o vestiario, a iluminación, a música, o son ou o deseño de máscaras.

Novos creadores e dramaturxias

Con este proxecto, ademais, o CDG e a ESAD comezan unha liña de colaboración centrada no fomento do intercambio entre as dúas institucións para a incorporación dos artistas máis novos ao panorama escénico profesional. De feito, o denominador común do programa de residencias da compañía pública para 2017 é prestar apoio os creadores e creadoras galegas pertencentes ás novas xeracións e con con probada calidade no seu facer.

Deste xeito, os medios técnicos e humanos do Salón Teatro incorpóranse aos procesos de montaxe de distintos proxectos cun tempo de duración variable, a partir da solicitude das compañías e como xeito de prestar apoio ás principais necesidades de cada caso en canto a luz, son, atrezzo, xestión, etc. En paralelo, aténdese tamén á demanda da contribución para a posta en escena de pezas froito das novas dramaturxias galegas e da escrita de autores e autoras actuais no marco continuo ‘Dramaturxente’, que tamén desenvolve o CDG.

Variedade de propostas

Así, a ‘Política de terra queimada’ (que comparte estes días o escenario coa campaña escolar en horario matinal que está a levar a cabo Talía Teatro cos emblemáticos ‘Bicos con lingua’ e ‘Pelos na lingua’), sucederán nos vindeiros meses outras tres residencias arredor dos espectáculos ‘Desconexión’, en febreiro; ‘Tropical’, en maio; e ‘Elisa e Marcela’, en setembro.

Santiago Cortegoso asina a dramaturxia e a dirección de escena de ‘Desconexión’, unha produción de Xurxo Cortázar con Crémilo (como produtora asociada e distribuidora) que interpreta o propio Cortázar xunto con Marián Bañobre (voz en off). Estará en residencia do 3 ao 9 de febreiro e ofrecerá funcións do día 10 ao 12. Pola súa banda, Elefante Elegante principiou xa o período de preprodución de ‘Tropical’, un espectáculo no que a compañía de Gonçalo Guerreiro e María Torres conta coas coreografías de Ánxela Blanco e o asesoramento antropolóxico de Carlos Diz. A súa residencia na sede do CDG será do 8 ao 11 de maio e as representacións do 12 ao 14. Xa en setembro, chegará ‘Elisa e Marcela, coprodución do CDG con A Panadaría como primeira actividade para a próxima temporada 2017-2018. O texto de Gena Baamonde, Esther F. Carrodeguas e o trío A Panadaría levarase ás táboas coa interpretación de Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Keldelman e cun equipo artístico integramente feminino. Neste caso, o período de residencia prolongarase 20 días: do 4 ao 24 de setembro; en tanto que se programarán catro representacións, do 26 ao 28 de outubro.

A estes tres títulos uniranse as representacións no Salón Teatro do 19 ao 21 de maio de ‘Salvador’, espectáculo de Borja Fernández que realizou xa a súa residencia entre os pasados 11 e 15 de decembro de 2016.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2017-01-16

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-gaivota-cdg.JPG) A primeira etapa da xira de A Gaivota, ensaio aberto desenvolveuse do 12 ao 15 de outubro na sala Atahualpa do Teatro El Galpón de Montevideo, en coprodución con esta institución e no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas de Uruguai, FIDAE. O programa comprendeu sete representacións nas que Déborah Vukušić compartiu escenario con Camila Durán e Claudia Trecu, que entraron no lugar das actrices galegas Uxía Suevos e Mercedes Castro. A magnífica resposta do público uruguaio contou cunha destacada presenza da comunidade galega, que converteu as funcións nun espazo de encontro arredor da lingua e da creación escénica de Galicia. Esta acollida precede a chegada á Arxentina, onde Déborah Vukušić compartirá escenario coas actrices locais Eugenia Alonso e Carmela Rivero.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

A Igrexa da Universidade acolle ata o 20 de novembro a mostra 'Agora hai terras de millo onde antes estaba Troia', obra de Los Bravú, un dúo artístico integrado por Dea Gómez e Diego Omil. A exposición abriu oficialmente este xoves nun acto no que xunto cos autores interveu a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabana, que reivindicou a USC como 'espazo de produción e de transmisión de coñecemento onde debe integrarse a cultura, que ten que ser unha experiencia universitaria, unha experiencia de formación'.
A preparación para a liberdade e a reinserción social foi a temática escollida para as III Xornadas da Rede Galega de Educacións en Prisión que se celebraron en Ourense. A cita, co-organizada pola Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo, contou coa asistencia profesionais e alumnado das tres universidades galegas. Nelas houbo conferencias, obradoiros e mesas de experiencias.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES