Notas de prensa

Dous nenos de nove anos e un de cinco, autores das cartas de Nadal máis imaxinativas

O Correo do Nadal recolleu durante as pasadas semanas centos e centos de cartas escritas polos nenos e nenas de Santiago, dirixidas aos personaxes máxicos que cada ano lles traen os agasallos destas festas. Cumprindo o encargo que recibiran, os nenos e nenas foron escritores imaxinativos e tamén ilustradores creativos.

Amosaron nos seus textos cales eran os regalos que agardan pero, tamén, contáronnos como era o Nadal cando os seus avós e avoas tiñan a súa idade. Foron moitos e moitas os que escribiron ao Apalpador, máis aínda aos Reis Magos e mesmo algún ao Pai Natal. E nas cartas que o Correo do Nadal tramitou ao seu destino destacou especialmente a proposta que recibiran de amar a lingua galega como se ama as árbores, que son únicas e irrepetibles.
Despois de lelas coidadosamente, os emisarios do mundo da Maxia, transmitíronlle ao Concello o resultado da escolla das tres cartas que recibirán directamente dos Reis Magos un regalo especial o día da cabalgata, para que continúen cultivando o galego tanto como o fixeron ata agora.

Nicolás Castro Martínez, o autor máis pequeno dos tres, con 5 anos, cóntanos como a súa avoa Gloria vivía o Nadal en Ourense: o seu avó levábaa a ver Beléns e os Reis Magos deixábanlle bonecas.

Lucas Martín Loureiro, con 9 anos, conta na súa carta o ben que o pasou o día anterior cando foi coa súa avoa Lía a buscar brión ao monte para facer a herba do Belén. Ela faloulle de como ía cantar polas portas dos veciños panxoliñas nestas datas cando era pequena e tamén nos dá un exemplo de panxoliña galega: "Vide ver o neno..."

Damián López Teo, de 9 anos, saúda os Magos do Nadal ofrecéndolles unha fermosa panxoliña inventada por el mesmo. Cóntanos como cando a súa avoa era cativa facía turrón e doces na casa, vivía o Nadal en familia e montaba o nacemento e tamén comían ameixas e polo da casa. Para finalizar querería que os Magos lle deixasen un libro de grande éxito nos pedimentos deste ano: Cinco horas con Mauro.

Os Magos tamén transmitiron a súa sorpresa e alegría por unha enorme e estupenda carta colectiva que recibiron da aula de 4 anos do CEIP Quiroga Palacios. Nela, vese como os pequenos e pequenas elaboraron as súas postais, que tamén nos achegan, a carón dos seus maiores que os acompañaron o día 16 de decembro na súa propia aula. Os Magos, interesados por este traballo colectivo aula-familia-Concello, en canto volvan das súas viaxes repartindo agasallos, parece ser que un emisario que vai achegar a Conxo para lles levar un galano.

O resto das máis de 1.000 cartas recibidas serán tamén contestadas persoalmente polos Magos do Nadal e os seus colaboradores. Nas próximas semanas irán chegando ás casas os sobres coa resposta para todos aqueles que puxeron o seu enderezo. Nelas irá outro anaquiño de ilusión para lembrar que debemos seguir cultivando o noso mellor agasallo: a lingua.

Gabinete de Comunicación do Concello de Santiago de Compostela, 2017-01-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (estudantes.jpg) A Consellería de Educación vai dotar aos centros educativos de apoios específicos de acompañamento, formación e recursos materiais para desenvolver os novos programas de reforzo Avanza Lectura e Avanza Matemáticas, que se van poñer en marcha este curso en Primaria ao abeiro do novo Marco galego para o impulso educativo. O conselleiro Román Rodríguez reuniuse co Consello Escolar de Galicia para avaliar o inicio de curso e dar conta das accións da Xunta enfocadas a 'reforzar aprendizaxes apoiando a quen máis o precise, fomentar a cultura do esforzo e impulsar unha mellora integral e continua do sistema'.
Foto de la tercera plana (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.

Notas

A Universidade de Santiago de Compostela presenta a súa programación para o Outono Cultural de 2026, unha proposta que reúne música, exposicións, audiovisual, teatro e formación, con novas iniciativas que amplían a oferta en materia de cultura da institución. Entre as principais novidades no campus compostelán destaca ‘Sons de peto’, un novo ciclo de música de pequeno formato pensado para un gran espazo como a Igrexa da Universidade.
Ecofeminismo, arte en contexto, comunidade, herdanza e territorio. Estes cinco conceptos guían ao longo desta semana os once artistas, investigadoras e investigadores que participan en Ons na residencia Geografía Poética, promovido pola profesora da Facultade de Belas Artes da UVigo Holga Méndez e a docente da Universidad de Zaragoza Belén Díez, no marco da rede europea Artistic Intelligence. Responsiveness, accessibility, responsibility, equity (ARTinRARE).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES