
Luar na Lubre, unha das bandas de referencia da música folk do noso país, celebra trinta anos contribuíndo á promoción do uso do galego desde a música, así o destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na rolda de prensa de presentación do traballo discográfico 'XXX aniversario. Selección especial de temas'. Con el, a formación conmemora tres décadas ofrecendo dous cedés recompilatorios nos que recolle 15 pezas pertencentes á discografía editada ao longo destes anos. O secretario xeral estivo acompañado de catro dos integrantes de Luar na Lubre, Bieito Romero, Antía Ameixeiras, Xan Cerqueiro e Patxi Bermúdez, e mais polo músico Emilio Cao, compositor do coñecido tema 'Fonte do Araño', recollido no traballo.
García Gómez gabou a traxectoria de Luar na Lubre na proxección da lingua e da cultura de noso, tanto dentro coma fóra de Galicia. Unha traxectoria dixo- que conta con diversos premios e recoñecementos, tanto a nivel galego como local, e na que cómpre subliñar un compromiso e unha achega constante ao proceso de normalización lingüística do galego.
Tres décadas de compromiso coa lingua e a cultura
Luar na Lubre, integrado polos músico Bieito Romero, Paula Rey, Antía Ameixeiras, Patxi Bermúdez, Pedro Valero, Xavier Ferreiro e Xan Cerqueiro, fundouse no ano 1986 na Coruña coa vocación de desenvolver e dar a coñcer a música e a cultura galegas a través dun repertorio baseado nomeadamente en músicas de raíces galegas.
Ao longo da súa carreira leva vendidos máis de 300 000 exemplares dos seus álbumes ('Plenilunio' e 'Cabo do mundo' foron discos de ouro) e recibiu, entroutros recoñecementos, nove premios da música (concedidos pola Academia das Artes e as Ciencias da Música), dous premios Luar (outorgados polo programa homónimo da televisión pública galega) e un Premio Ideal (concedido por El Ideal Gallego).
Nestes 30 anos, Luar na Lubre ofreceu máis de 1000 concertos en máis de 23 países e participou nos principais festivais Word Music canda a artistas internacionais de primeiro nivel como Mike Oldfield, The Waterboys, The Corrs ou Bob Geldof. A xira de presentación deste novo traballo inclúe, desde xaneiro, concertos nos concellos galegos de Santiago de Compostela, A Coruña, A Estrada e Moeche; e, no exterior en Zamora, Almería, Granada, Sevilla, Ponferrada, Madrid, Cuenca, Porto e Lisboa (Portugal) e mais México.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.