Notas de prensa

Grupos musicais galegos participan no circuíto portugués OuTonalidades da Asociación d’Orfeu

Agadic colabora coa Asociación d’Orfeu para a participación de grupos musicais galegos no circuíto portugués OuTonalidades. Os artistas interesados deben inscribirse na plataforma dixital lusa ata o 31 de xaneiro para acceder ao proceso de programación para o último cuadrimestre de 2017.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a asociación cultural lusa d'Orfeu acadaron un acordo de colaboración para a participación de grupos musicais galegos na 21º edición do circuíto portugués OuTonalidades, que se desenvolverá no país veciño de setembro a decembro de 2017.

As bandas e solistas galegos, de calquera estilo musical, interesados en optar a esta programación teñen de prazo ata o vindeiro 31 de xaneiro para formalizar a súa inscrición na plataforma dixital de OuTonalidades, onde deben rexistrar todos os seus datos. Cos inscritos, d'Orfeu comporá unha bolsa de espectáculos pre-seleccionados dispoñibles, clasificados en función dos seus cachés de contratación. Posteriormente, os espazos adheridos a OuTonalidades serán os que escollerán os grupos que integrarán o calendario final de concertos.

A participación dos grupos estranxeiros en OuTonalidades só se permite aos que teñan establecido un intercambio mediante unha asociación ou entidade pública ou privada do seu país de orixe que garanta un sistema de intercambio con artistas portugueses. A Xunta de Galicia a través da Agadic e seguindo a súa política de proxección exterior para a cultura galega e para os espectáculos producidos en Galicia, será a administración que apoie esta iniciativa. A acción enmárcase, ademais, no cumprimento da Lei 1/2014 de 24 de marzo, de aproveitamento da lingua portuguesa e para afondar nos vínculos coa lusofonía, a coñecida como ‘Lei Paz-Andrade’.

OuTonalidades funciona desde 1997 como un circuíto de distribución e circulación da música ao vivo, que abrangue na actualidade teatros, auditorios e locais de toda a xeografía portuguesa, ademais doutros puntos da península ibérica e de Francia. Ademais, nos últimos dous anos estableceu alianzas con eventos internacionais lusos como os festivais Bons Sons e Andanças e con Brasil. Para o seu desenvolvemento, conta cos apoios da Direcção-Geral das Artes do Ministério da Cultura de Portugal, da Câmara Municipal de Águeda e do Instituto Português do Desporto e Juventude.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-12-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES