
O inicio das actividades da Cátedra, que se emprazará no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino de Carretas, tivo lugar coa sinatura do convenio de colaboración na que participaron o reitor Juan Viaño, a directora xeral de Turismo de Galicia, María Nava Castro Domínguez, e o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez. A este primeiro acto, no que a profesora Adeline Rucquoi pronunciou unha conferencia sobre as peregrinacións marítimas a Santiago, asistiron numerosas personalidades e representas de organizacións xacobeas.
Como manifestou Viaño no acto, a Universidade de Santiago de Compostela xogou e segue xogando un papel destacado no coñecemento e na difusión do patrimonio cultural do Camiño de Santiago. Son moitos dixo os investigadores que teñen como un dos seus temas de traballo cuestións relacionadas coa cidade de Santiago e os camiños de peregrinación, e dende perspectivas moi diferentes. Como exemplos, lembrou estudos da cidade medieval e moderna, das súas institucións, da súa arte e do seu patrimonio documental; do significado relixioso e cultural das peregrinacións nos contextos sociais e políticos das idades media e moderna, e na contemporánea; da materialidade dos propios camiños; dos valores económicos e turísticos asociados a este itinerario cultural de proxección internacional; ou da protección e defensa xurídica do patrimonio material e inmaterial.
A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e as Peregrinacións promoverá a difusión dos valores asociados coa peregrinación e o fenómeno xacobeo mediante a realización de cursos, seminarios, conferencias e actividades académicas. Fomentará ademais a promoción e organización daquelas iniciativas que contribúan a facilitar a reflexión e o debate cultural e académico no ámbito do Camiño co fin de acadar o seu mutuo enriquecemento intelectual e a mellora da súa formación cultural e universitaria.
A Cátedra tamén impulsará a colaboración con profesores e departamentos universitarios en todo o que favoreza a formación integral do alumnado e promoverá a investigación no campo do Camiño de Santiago e a peregrinación a Compostela. Por outra banda, crearase e manterase un fondo bibliográfico e documental sobre as materias específicas do Camiño e disciplinas relacionadas.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.