
Gran teatro para os máis pequenos é o título do ciclo co que o Centro Dramático Galego celebra o Nadal xunto ao público infantil na súa sede do Salón Teatro de Santiago. Pensando nos espectadores máis novos, a compañía pública deseñou un programa que combina tres espectáculos das compañías Berrobambán, Pérez & Fernández e Elefante Elegante xunto a outros tantos talleres que buscan achegarlles aos nenos e nenas diferentes aspectos do oficio teatral baixo o lema Saca o artista que levas dentro.
Esta programación arranca o xoves 22 e venres 23 de decembro coa montaxe Xurdefet, de Berrobambán, mais un obradoiro sobre luz e iluminación. Na súa nova proposta, a compañía compostelá parte de textos do poeta francés Jacques Prévert para construír unha historia sobre as lembranzas da infancia dunha muller que, como os animais, non quería medrar nunha gaiola.
Chiqui Pereira dirixe e interpreta este espectáculo xunto a Paula Carballeira e Nuria Sanz. As funcións no Salón Teatro darán comezo ás 19.00 horas, mentres que o Taller da Luz terá lugar eses días, ás 17.00 horas.
Actores e monicreques
Nos mesmos horarios desenvolverase a proposta preparada para a última semana do ano: O poder de Amabel, de Pérez & Fernández, mais o Taller de Monicreques. Xosé Leis e Victoria Pérez dirixen este espectáculo a partir do libro de Érica Esmoris, que interpretan sobre as táboas a propia Victoria Pérez e Manu Fernández. Trátase dunha peza de actores e monicreques sobre unha pequena cunha familia na que todos os seus membros teñen algún superpoder. Para descubrir cal é o seu, embárcase nunha serie de aventuras xunto ao seu amigo Braulio.
Xa en xaneiro será a quenda de A danza da choiva, de Elefante Elegante, e do Taller do Son. Neste caso as funcións terán lugar o día 7 ás 19.00 horas e o día 8 ás 18.00 horas, mentres que o obradoiro desenvolverase o 7 ás 17.00 horas e o 8 ás 16.00 horas. Elefante Elegante combina teatro xestual, danza e manipulación de obxectos e monicreques neste espectáculo sen palabras que se pregunta que acontecería se de súpeto deixase de chover para sempre.
Prazas e reservas
Coa finalidade de facilitar a conciliación familiar durante as festas, o Centro Dramático Galego oferta 30 prazas para cada unha das dúas sesións dos talleres de luz, monicreques e son, que serán adxudicadas por orde de reserva a través do teléfono 881 867 229. Os nenos e nenas poden participar sós nestes obradoiros, en tanto que nas funcións é necesario que estean acompañados por un adulto. Durante estes cursiños, impartidos por Elea López, obterán unha perspectiva diferente sobre os espectáculos que verán despois, ao tempo que coñecerán como funciona o teatro por dentro.
A entrada aos talleres está incluída no bono especial de Nadal, que abrangue tamén catro entradas para calquera dos espectáculos ofertados por un prezo total de 24 euros. Ademais, existe a posibilidade de adquirir tres entradas para un mesmo espectáculo a prezo familiar (18 euros), así como billetes individuais a 8 euros.
Fóra do bono, a tarifa dos obradoiros é de 5 euros cada un e o pago farase desde media hora antes do comezo dos mesmos na billeteira do Salón Teatro, onde poderán mercarse tamén os bonos e entradas. A venda anticipada xa está dispoñible na web entradas.abanca.com.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.