Notas de prensa

Nasdrovia presenta no Salón Teatro a obra de Manuel Lourenzo Illa/Ollo

A compañía lucense de Gustavo Fouce e Simón Piñón actúa na sede do Centro Dramático Galego en Santiago de Compostela. Leva a escena este texto do último gañador do Premio Álvaro Cunqueiro da Agadic que ofrece unha dobre lectura –como traxedia e como farsa– do enfrontamento entre Ulises e Sileno nun contexto contemporáneo.

A compañía lucense de teatro Nasdrovia chega ao Salón Teatro de Santiago para poñer en escena ‘Illa/Ollo’, adaptación da obra ‘Illa’ de Manuel Lourenzo baixo a dirección de Roi Vidal. Gustavo Fouce e Simón Piñón dan vida sobre as táboas a Ulises e Sileno nunha revisión contemporánea desta historia clásica, que poderá verse na sede do Centro Dramático Galego (CDG) o venres 16 e o sábado 17 de decembro, ás 20.30 horas.

Nesta montaxe, o enfrontamento entre Ulises e Sileno cando o rei de Ítaca está encerrado na cova do ciclope Polifemo achégalle ao público como a loita heroica contra o monstruoso se traslada á sociedade actual. Ademais, a versión de Nasdrovia converte o texto curto ‘Illa’ en ‘Illa/Ollo’ para ofrecer dúas aproximacións diferentes a este enfrontamento: en primeiro lugar como traxedia e en segundo, como farsa.

Para esta nova produción, a compañía bota man de dous nomes que representan a historia do teatro galego profesional e os novos valores da escena galega actual: Manuel Lourenzo e Roi Vidal, gañadores respectivamente da última edición dos premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques na modalidade de adultos, ambos convocados pola Axencia Galega das Industrias Culturias (Agadic).

A posta en escena relaciona aberta e directamente este episodio do drama satírico de Eurípides con algúns dos temas vixentes nos nosos días, como os perigos do mundo do mar, o conformismo social ou a crise do sistema capitalista. Así, o texto pode lerse como unha metáfora da confrontación entre unha ideoloxía loitadora (Ulises) e outra conformista (Sileno) perante as inxustizas dunha opresión (Polifemo).

Público adolescente

O espectáculo está recomendado a partir dos 13 anos de idade e especialmente ideado para lle achegar aos espectadores adolescentes unha historia clásica desde un contexto contemporáneo.

Gustavo Fouce e Simón Piñón son os integrantes da compañía Nasdrovia, con sede creativa en Lugo, que con este espectáculo retoma a súa actividade despois dun par de anos centrada en diferentes proxectos educativos. Os seus compoñentes teñen colaborado, ademais, con outras formacións como Mircromina Títeres de Mondoñedo, ArtesaCía da Coruña ou Yázabro de Lugo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-12-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES