
A Consellería de Cultura e Educación e a editorial Dos Acordes presentan o primeiro volume das obras para piano do compositor Juan Montes Capón (1840-1899), considerado un dos máximos expoñentes do Rexurdimento musical galego. A publicación recolle a música pianística do recoñecido autor lucense, nunha edición crítica a cargo de Joám Trillo que inclúe un estudo introdutorio realizado polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela Carlos Villanueva.
Con esta nova obra coeditada por Dos Acordes e pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) na colección Ars Gallaeciae Musicae recuperamos unha parte do noso patrimonio referente a unha época, finais do século XIX, que podemos considerar de rexurdir musical da cultura galega. Así o asegurou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa de presentación do volume, que tivo lugar no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC).
Ese mesmo escenario acolle o xoves 15 de decembro, ás 20:00 horas, unha charla-concerto sobre o libro, de acceso gratuíto e de entrada libre, que contará cunha contextualización a cargo dos profesores Villanueva e Trillo, e que rematará cun pequeno recital a cargo do pianista Javier Otero. Ao día seguinte, e á mesma hora, realizarase unha segunda charla-concerto na Casa do Saber, en Lugo, cidade natal dun compositor do que temos aínda moita obra por recuperar e moitos aspectos biográficos por estudar, recordou Anxo Lorenzo.
Recuperación e difusión da obra de Montes
Para a Xunta de Galicia concluíu o secretario xeral é unha honra contribuír á difusión social destas partituras, que esperamos que se integren cada vez máis nos repertorios clásicos de Galicia e de calquera parte do mundo; porque cando a música ten interese, non ten fronteiras, e é a nosa obriga contribuír a que se coñeza, para que poida ser valorada, apreciada e tocada, que é o máximo recoñecemento que pode ter a creatividade musical.
O profesor Joám Trillo foi o encargado de explicar na rolda de prensa o labor de acceso ás partituras procedentes de arquivos da área de Lugo, así como o seu traballo de revisión e edición, mentres que Carlos Villanueva, un dos maiores especialistas no patrimonio musical galego, ofreceu a súa visión sobre a figura de Montes. A intervención de Javier Jurado, director de Dos Acordes e coordinador editorial do volume, completou a presentación, que rematou cunha interpretación ao piano dunha das mazurcas de Juan Montes a cargo de Javier Otero.
Un referente do Rexurdimento musical galego
Juan Montes Capón (1840-1899) é, xunto con Marcial del Adalid e Pascual Veiga, un dos máximos expoñentes do Rexurdimento musical galego. A súa obra, máis popularizada polas súas baladas a partir de poemas galegos (como Negra Sombra, Doce sono ou As lixeiras anduriñas), inclúe un importante volume de composicións relixiosas, corais, orquestrais e pianísticas aínda escasamente coñecidas mesmo entre o público galego.
Con este volume o número 30 da serie Agra Vella dentro da colección Ars Gallaeciae Musicae, promovida por Dos Acordes e pola Agadic, na que viron a luz obras de Gaos, de Gustavo Freire, de Manuel Quiroga, e do mestre de capela compostelán José Vaquedano, entre outros a Xunta de Galicia pretende contribuír á difusión da obra para piano e harmonio deste compositor lugués, maioritariamente aires bailables característicos do seu tempo, co obxectivo de facilitar a súa incorporación aos repertorios dos intérpretes actuais e de promover un maior coñecemento do patrimonio histórico musical de Galicia.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.