
A cidade da Coruña acolle ata o 27 de novembro a exposición José María Cao Luaces, un galego patriarca da caricatura arxentina, promovida pola Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Cultura e polo Club de Prensa de Ferrol.
Na súa itinerancia polas catro provincias galegas, iniciado o pasado mes de maio en Santiago de Compostela, a mostra chega á cidade herculina para seguir difundindo entre a cidadanía a obra deste destacado debuxante de orixe lucense, escasamente coñecido en Galicia, que desenvolveu a súa traxectoria profesional principalmente en Arxentina.
Este proxecto expositivo sobre José María Cao Luaces, que acadou un lugar de privilexio nas mellores publicacións periódicas da Arxentina, reúne unha escolma de caricaturas do artista a través das que se poñen de manifesto as distintas etapas polas que pasou o seu creador e que permiten admirar o talento e a habelencia dun debuxante galego excepcional que se erixiu como un dos grandes creadores desta forma de arte no seu tempo.
Cervo, última parada da exposición
Tras o seu paso pola Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, pola Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola, pola sala José Ángel Valente de Ourense, pola Biblioteca Pública de Lugo e pola Casa da Cultura de Melide, e logo da súa estancia na Coruña, a mostra pechará a súa itinerancia entre o 29 de novembro e o 20 de decembro na sala de exposicións de Sargadelos, en Cervo, concello natal do artista.
Un ciclo de conferencias a cargo do debuxante e xornalista Siro López, completa este proxecto, con sesións que se realizarán o día 10 de novembro na González Garcés e o 29 de novembro en Cervo, co obxectivo de afondar no legado deste esquecido artista de Cervo que contribuíu decisivamente a que a ilustración arxentina eclosionase no final do século XIX e comezos do XX.
Unha prolífica traxectoria
Nado en Cervo en 1862, Cao Luaces comezou traballando na fábrica de Sargadelos deste concello lucense. Con 25 anos emigrou a Buenos Aires. Alí, logo dunha amplísima e prolífica traxectoria en diferentes publicacións da capital porteña, entre finais do século XIX e inicios do XX, o artista galego acadará prestixio internacional e será recoñecido como patriarca da caricatura arxentina. Co seu influxo indirecto, Castelao creará a moderna escola galega de humor gráfico.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.