Notas de prensa

Homenaxéase a Valle-Inclán como un dos grandes autores de todos os tempos

O conselleiro de Cultura participou nos actos celebrados en Santiago para conmemorar o 150 aniversario do nacemento do escritor. Co gallo deste sesquicentenario, organízase un programa de actividades en colaboración coas entidades e organismos vinculados ao dramaturgo. Vilanova de Arousa e A Pobra do Caramiñal tamén organizan varios actos.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, participou nos actos conmemorativos do 150 aniversario do nacemento de Ramón María del Valle-Inclán celebrados na Alameda de Santiago de Compostela, onde afirmou que “quizais o mellor xeito de honrar a Valle-Inclán sexa, precisamente, léndoo, gozando da súa literatura.”

Durante a súa intervención, o titular do departamento autonómico de Cultura sinalou o autor como unha figura clave da literatura do século XX e un dos grandes escritores de todos os tempos, cuxo legado forma xa parte do herdo da cultura mundial. Na súa alocución o conselleiro salientou o carácter curioso e observador do autor e o seu amor pola paisaxe compostelá. Non en balde, lembrou como Valle se referira á Catedral de Santiago como "unha verdadeira expresión do mundo enteiro" e á capital de Galicia como unha cidade co "carácter da eternidade".

Con motivo do día do seu nacemento e no marco deste 150 aniversario, as homenaxes a Valle-Inclán sucederanse ao longo da xornada en diversos concellos de Galicia. A Consellería de Cultura e Educación, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participará ás 11:00 horas nos actos conmemorativos organizados polo IES Valle-Inclán de Pontevedra, que inclúe unha conferencia sobre o autor a cargo do director da Real Academia Española. Ás 13:00 horas, a Xunta de Galicia sumarase á ofrenda floral ao escritor en Vilanova de Arousa, na praza do Castro, e, pola tarde, participará na inauguración da exposición ‘Valle-Inclán, xenio e figura (1866-1936)’, que terá lugar ás 19:00 horas no pazo de Fonseca, en Santiago de Compostela.

Ademais deste acompañamento institucional, a Consellería promove ao longo deste ano e do 2017 un amplo abano de iniciativas literarias, representacións escénicas, ciclos de cine, exposicións, actuacións multiartísticas, charlas e obradoiros, entre outros, con motivo do 150 aniversario do nacemento do dramaturgo, novelista, poeta e ensaísta.

Trátase dunha completa programación colectiva impulsada pola Xunta en colaboración coas principais entidades e organismos vinculados dalgún xeito á figura deste dramaturgo universal, como é o caso dos concellos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa, a Asociación Amigos de Valle-Inclán, a Fundación que leva o seu nome, a Universidade de Santiago a través da Cátedra Valle-Inclán, o Consello da Cultura Galega, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e a Deputación de Pontevedra.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-10-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES