
O programa de dinamización lingüística O galego é un mundo: multiculturalismo e diversidade lingüística hoxe, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, botou a andar cunha xornada informativa para profesorado pertencente a equipos de dinamización da lingua galega celebrada no salón de actos do Pazo de San Roque.
O titular de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, ocupouse da sesión de apertura cunha intervención na que destacou o feito de que, en contra do que tendemos a pensar, o monolingüismo non é a norma da que os galegos nos saímos, senón que entre a metade e dous terzos da poboación mundial fala máis dunha lingua. García Gómez insistiu na importancia de conseguir que as novas xeracións saiban apreciar o valor desta diversidade idiomática á que Galicia contribúe co seu idioma propio.
Na presentación de O galego é un mundo, o secretario xeral estivo acompañado por Sabela Gil, coordinadora central dos equipos de dinamización da lingua galega; por Anik Nandi, sociolingüista bengalí que desenvolverá o programa e que foi o encargado de expoñerlle ao profesorado os detalles relativos aos seus obxectivos e contidos; por Manuel Núñez Singala, xefe do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago, que falou do Papel da sociedade na modificación das condutas lingüísticas; por Xurxo Salgado, director do xornal dixital Galicia Confidencial, que se ocupou da Visibilización dos programas de multiculturalidade nos medios e das súas repercusións na sociedade global, e por Brais Fernández, dinamizador sociocultural e lingúístico integrante do dúo Consello de Galegos Ilustres, que desenvolveu, xunto con Nandi, o recital Poesía galega en bengalí.
O programa O galego é un mundo, que leva adiante por primeira vez a Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración cos equipos de dinamización da lingua galega de 12 centros educativos de ensino secundario, persegue fomentar a consciencia da diversidade lingüística e do muticulturalismo e contribuír a erradicar os prexuízos existentes a respecto do galego. Articúlase nunha serie de relatorios interactivos impartidos polo sociolingüista bengalí Anik Nandi, quen realizará unha análise contrastiva entre a realidade sociolingüística de Galicia e a da India.
Nesta primeira edición, O galego é un mundo chegará aos seguintes centros educativos: IES Félix Muriel (Rianxo), IES San Clemente (Santiago de Compostela), IES Carral, IES Manuel Murguía (Arteixo); IES Aquis Celenis (Caldas de Reis); IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa); IES Carlos Casares (Vigo); IES Chano Piñeiro (Forcarei); IES Taboada Chivite (Verín); IES Cidade de Antioquía (Xinzo de Limia); CPI Plurilingüe Navia de Suarna e IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.