
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) organiza xunto co Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal (ICA) a segunda edición do Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia, que reúne o sábado 29 de outubro en Ourense os representantes de 22 entidades e produtoras de ambos países. A cita será no Centro Cultural Marcos Valcárcel, dentro do programa de actividades paralelas do Ourense Film Festival (OUFF).
O evento articúlase arredor de 44 reunións 'one to one', concertadas pola organización para que os responsables das compañías entren en contacto directo con potenciais socios estratéxicos cara á coprodución de novas propostas para cinema e televisión. Nesta segunda entrega do encontro, as empresas acreditadas chegarán a Ourense con máis de 25 proxectos en desenvolvemento, que na meirande parte dos casos consisten en longametraxes e series televisivas.
Pola banda galega, ademais da Agadic e da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), participarán os responsables das empresas Aba Films, Abano Producións, Agallas Films, Comarea Producciones, CTV Media, Esnatu Zinema, Ficción Producciones, Filmanova, Ladybug Films, Portocabo, Produtora Faro e Social Docs.
En canto á delegación portuguesa, encabezada polo ICA e a Radio Televisão de Portugal (RTP), desprazaranse ata Ourense os representantes de Animais AVPL, HOP Filmes, Lightbox, SP Televisão, Take It Easy Film e Take 2000.
Intercambio de profesionais
O obxectivo desta segunda entrega do Encontro de Coprodución Audiovisual Portugal-Galicia é manter aberta unha canle de comunicación directa entre as empresas dos dous países cara á posta en marcha de proxectos comúns, que favorezan así mesmo o intercambio de profesionais técnicos e artísticos a ambas as beiras do Miño. É o caso da serie Vidago Palace, unha coprodución entre a TVG e a RTP que recibiu o impulso definitivo a raíz da participación de Portocabo e HOP Filmes na anterior edición deste foro de coprodución. Un equipo galego-portugués está a gravar nestes momentos os episodios desta miniserie que, ademais de en Portugal, se rodará no territorio fronteirizo do Couto Mixto, en Verín.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.