Notas de prensa

A Radio Galega convoca o X premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico 2016

O galardón, dotado con 6.000 euros, reactiva a radio como soporte artístico para explorar cos materiais e as premisas da creación contemporánea. O prazo de presentación de orixinais remata o 18 de decembro e as bases pódense consultar nas webs crtvg.es e cultura.gal. As obras finalistas emitiranse na programación da Radio Galega e serán publicadas nun libro-disco.

A Radio Galega convoca, coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación, o X Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, un certame que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, cualificou como “imprescindible”, tanto polo seu papel a prol da “promoción da escrita do xénero dramático nun formato para radio” como polo feito de impulsar “unha actualización desta escrita desde as linguaxes contemporáneas en galego”.

Así o asegurou durante a rolda de prensa de presentación da décima edición do certame, nun acto no que tamén se deu a coñecer o libro-CD coas obras finalistas da pasada edición, da autoría de Clara Gayo, de Avelina Pérez, de Daniel García Níñez e de Marián Bañobre e mais Santiago Cortegoso. Ademais de Gayo, participou na rolda de prensa, a xefa de programas da Radio Galega, Gloria Ferreiro; o director da adaptación radiofónica das obras finalistas de 2015, Tito Asorey; e a presentadora e directora do Diario Cultural, Ana Romaní, que deu a coñecer as bases da nova edición do premio, accesibles para a súa consulta nas webs www.crtvg.es e mais en www.cultura.gal

Alentar a creación creativa

“A escrita dos xéneros dialogais –afirmou Anxo Lorenzo– ten unha complexidade e unha singularidade que a fai pouco frecuente como forma creativa entre os autores, mesmo entre os que adoitan practicar o xénero dramático”. “Por iso desde a Xunta de Galicia apoiamos un ano máis a Radio Galega para facer posible unha nova convocatoria que estimule a creatividade”, dixo o secretario xeral, quen asegurou que “alentar a creación creativa nos distintos ámbitos culturais contribúe a reforzar o valor simbólico da cultura e, sobre todo, permite difundir e poñer en valor socialmente o amplo abano e o alto interese da creación que se está a producir en Galicia nos distintos campos de actuación”.

Coa adaptación radiofónica e a publicación en formato de libro-CD das obras finalistas en 2015 péchase o ciclo da novena edición e ábrese o da décima. Faino coa apertura do prazo de presentación de orixinais, ata o vindeiro 18 de decembro, entre os cales o xurado seleccionará unha serie de obras que serán dramatizadas para a súa emisión por un elenco de actores e de actrices. As dramatizacións emitiranse nos distintos programas da Radio Galega e entre elas o xurado escollerá a obra galardoada co premio do xurado e a audiencia votará a obra que recibirá o premio do público. Cada un dos galardóns está dotado economicamente con 3.000 euros, ademais da publicación da obra.

O libro-CD da novena edición, en libraria.xunta.gal

A partir de hoxe, a Libraría Institucional da Xunta de Galicia incorpora a publicación coas obras finalistas da novena edición do certame. Trátase dos textos “Evasión”, de Clara Gayo, premio do xurado; “Non teño espello no baño”, de Avelina Pérez, premio da audiencia; e das obras finalistas “Hai un punto que me doe”, de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, e “Asalto ao rexional das 11”, de Daniel García Níñez. Con adaptación radiofónica de Tito Asorey, as obras foron interpretadas por Melania Cruz, por Fernando González, por Antonio Durán ‘Morris’, por Mela Casal e mais por Covadonga Berdiñas, coa realización técnica e deseño sonoro de Chus Silva.

A través de https://libraria.xunta.gal/, o público interesado poderá acceder á publicación a través dunha versión en liña ou adquirir a obra impresa impresa de xeito gratuíto, co pago unicamente dos portes do envío postal.

Dezaoito autores e autoras premiados e máis de 100 profesionais entre directores e directoras, actores e actrices, técnicos e profesionais da edición e da produción participaron desde o ano 2006 nesta iniciativa, que procura dar un novo pulo cun enfoque contemporáneo a un xénero cunha longa tradición na historia da radiodifusión.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-10-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES