Notas de prensa

O XI ciclo Escritores na Universidade, na UDV, debate sobre a Teoría de contrarios

Este ciclo de mesas redondas, que se centra na temática Teoría de contrarios, é froito da colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística coa Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (UDV).

O secretario xeral de Política Lingüística en funcións da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, participou en Vigo na inauguración do XI Ciclo de mesas redondas 'Escritores na Universidade' que se celebra desde hoxe, Día Europeo das Linguas, e ata o 19 de outubro na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, centrado na temática 'Teoría de contrarios'.

García Gómez destacou a boa saúde da literatura galega e a calidade excepcional dos seus autores e valorou ambos como “factores prestixiadores do idioma galego que deben seguir actuando mentres se incorporan outros novos, como o uso na investigación e divulgación científica ou o valor no mercado laboral”. Neste sentido, sinalou que “unha xornada coma a de hoxe, Día Europeo das Linguas, orientada a potenciar a diversidade lingüística do noso continente, semella especialmente adecuada para botar a andar unha iniciativa coma a que nos reúne aquí, que aspira a divulgar a literatura en galego”.

Acompañaron o secretario xeral na mesa inaugural Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG); Rexina Vega, profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución, coordinadora do ciclo e integrante da AELG; Beatriz Rodríguez, vicedecana de Calidade da Facultade de Filoloxía e Tradución; Xosé Henrique Costas, director do departamento de Filoloxía Galega.

Teoría de contrarios

O XI Ciclo 'Escritores na Universidade' desenvolverase ao longo dos meses de setembro e de outubro baixo o título xeral de “Teoría de contrarios”. Na primeira das súas mesas redondas, celebrada hoxe, interviñeron Susana Sánchez Arins e Xesús Constela, quen, baixo o título “Literatura e/ou mercado?”, reflexionaron sobre o concepto de gran público no sistema literario galego.

O próximo 5 de outubro, ás 10:00 h, o salón de actos da Facultade de Filoloxía e Tradución acollerá a mesa “Poesía ou performance?”, no curso da cal Iolanda Zúñiga e Silvia Penas tratarán dos límites difusos entre ambas. Na mesma hora e lugar celebrarase, o 19 de outubro, a derradeira mesa de debate, “Drama ou posdrama?”, coa intervención de Avelina Pérez e de Manuel Lourenzo, que se ocuparán da vixencia do drama e do posdrama no relato teatral contemporáneo.

A entrada é libre en todos os casos e o programa completo pódese consultar en http://www.aelg.gal/actividades/escritorases-na-universidade/2016/9/26/xi-ciclo-de-mesas-redondas-escritorases-na-universidade.

Colaboración coa Asociación de Escritores da Lingua Galega

'Escritores na Universidade' é unha iniciativa da AELG en colaboración coa Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e da Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A Consellería, mediante un convenio de colaboración, apoia esta e outras actividades da AELG que inciden na difusión da obra dos escritores en lingua galega, como as visitas de escritores a Centros de Estudos Galegos dependentes da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o II Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil que se celebra na Facultade de Ciencias da Educación de Ourense (Universidade de Vigo) ou o XIII Curso de formación continua 'As literaturas infantís e xuvenís ibéricas. A súa influencia na formación lectora'.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-09-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES