
Teatro, danza, música, exposicións, performances, astronomía... Todo isto nunha xornada gratuíta, a do xoves 22, na que a cultura tomará os espazos da singular Casa de Europa da USC, no Parque de Vista Alegre, para transformala nun escaparate vivo de toda a oferta artística da institución universitaria.
O proxecto Quedamos na Casa!, unha iniciativa de Matilde Rodríguez (www.ogatocosmico.com) e María del Canto Motrel, nace coa idea de promover a cultura e o patrimonio da USC dando visibilidade a todos os seus departamentos culturais ao tempo que achega ao público xeral e á comunidade universitaria parte do seu patrimonio menos coñecido.
A xornada comeza ás 17.00 horas cunha visita guiada polo parque (única actividade para a que é preciso reservar) e logo continuará ata as 22.00 con numerosas actividades simultáneas. Dende obradoiros de fotografía ou danza latina ata observacións astronómicas, pasando por microteatro, performances de danza, concertos do Grupo de Cámara ou do Coro da USC e mesmo unha exposición da Fonoteca. Ademais, durante toda a xornada haberá un catering servido polo restaurante Garum.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.