Notas de prensa

O BNG plantexa a Anova a súa vontade de sumar forzas nunha candidatura conxunta para as autonómicas

O BNG, nunha reunión estratéxica, trasladoulle a Anova (a formación liderada por Xosé Manuel Beiras) a súa vontade de sumar forzas para conformar unha candidatura nacionalista que podería ser clave na derrota do PPdeG nas eleccións autonómicas de 2016. O BNG non apoia alianzas estatais.

Unha delegación da executiva nacional do BNG mantivo en Santiago de Compostela un encontro con responsábeis da dirección de Anova dentro da rolda de contactos con forzas políticas galegas acordada pola militancia na XV Asemblea nacional do pasado 28 de febreiro.

Na reunión, o Bloque trasladoulle a Anova a súa vontade a sumar para a conformación dunha candidatura nacionalista de esquerdas, en clave de país, que teña o seu centro de decisión en Galiza, unha candidatura derivada dun proceso de acumulación de forzas, moi especialmente, de colectivos e persoas que se sintan nacionalistas, soberanistas ou galeguistas, máis aló de que teñan ou non militancia organizada.

O BNG trasladoulle a Anova que o obxectivo desta candidatura nacionalista é ser clave na derrota da dereita que representa o PP, ante a cita das eleccións galegas, prioridade absoluta para o Bloque ante a toxicidade das políticas de Feijóo que teñen derivado en desemprego, emigración masiva de xente moza, devalo dos sectores produtivos, recorte de servizos públicos e de prestación sociais e unha perda de peso político e do autogoberno de Galiza.

Neste sentido, o BNG tamén trasladou a Anova que respecta pero non comparte estratexias de concorrencia ás eleccións con forzas políticas de ámbito non galego, ao considerar que Galiza precisa máis que nunca un proxecto nacionalista autoorganizado sen supeditacións.

O Bloque agradece ás responsábeis de Anova a asistencia ao encontro, que descorreu con cordialidade, e seguirá coa rolda de contactos con forzas políticas galegas dando cumprimento ao mandato da militancia.




Gabinete de Comunicación do BNG, 2016-03-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES