Notas de prensa

Primeira xuntanza executiva para o desenvolvemento da estratexia do audiovisual

O grupo de traballo está integrado pola Agadic, Turismo de Galicia, TVG, Academia Galega do Audiovisual, Clúster Audiovisual Galego e as asociacións de produtoras independentes, empresas, guionistas, directores e realizadores co obxectivo de abrir un proceso de debate cara a elaboración dun plan 2016-2020 para o sector galego.

A Biblioteca da Cidade da Cultura acolleu a primeira reunión executiva do grupo de traballo integrado pola Xunta de Galicia, Televisión de Galicia (TVG) e outras seis entidades e asociacións audiovisuais co obxectivo de definir unha estratexia conxunta para este sector entre os anos 2016 e 2020.

Arranca así o proceso de debate anunciado o pasado 7 de marzo polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a xuntanza que mantivo cos representantes das principais institucións, entidades e asociacións implicadas para acordar a elaboración dun plan estratéxico do audiovisual galego que contribúa a impulsar este sector como un dos buques insignia das nosas industrias culturais.

Ampla participación

Esta primeira reunión do grupo de traballo constituído para tal fin estivo presidida polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e nela tamén participaron Dolores Meijomín, coordinadora de Política Audiovisual da Agadic; Carmen Pita, directora de Promoción de Turismo de Galicia; Fernando Rodríguez Madriñán, director do departamento de Programación e Emisión de TVG; Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual; Mar Varela, xerente do Clúster Audiovisual Galego (Clag); Dolores Ben, presidenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi); Ramón Domínguez, presidente da Asociación de Empresas Galegas do Audiovisual (AEGA); Jorge Coira, presidente da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia-CREA; e Daniel Domínguez, vogal Asociación Galega de Guionistas.

O seu cometido é o deseño dunha estratexia conxunta que, partindo dunha diagnose do sector, permita establecer prioridades e definir obxectivos e liñas de actuación a medio e largo prazo. Con tal fin impulsarase a coordinación entre as distintas entidades ou departamentos públicos encargados de desenvolver o plan, así como a transversalidade nas accións que se leven a cabo no seu marco.

Axenda de traballo

O programa de subvencións, a internacionalización do sector, a creación e dinamización de audiencias, a implicación da cidadanía no consumo de bens e servizos audiovisuais e a mellora da educación audiovisual nas escolas son os principais eixos arredor dos que se debaterá nas diferentes reunións executivas que leve a cabo este grupo de traballo.

Neste sentido, a recente convocatoria de axudas da Agadic a producións e coproducións audiovisuais, que manteñen unha dotación global de 2.000.000 euros, supuxo xa un primeiro paso dentro desta estratexia ao introducir unha importante reestruturación do sistema de pagamentos anticipados. Deuse así resposta ás demandas do sector no sentido de reducir a carga financeira que asumen as empresas durante o proceso de produción, ao tempo que se busca impulsar as novas empresas audiovisuais e reducir as súas dificultades tanto para a obtención de avais como para o acceso ao crédito bancario.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-03-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES