Notas de prensa

O cronista Juan de Betanzos e as xestas de Pizarro, na conferencia de Carmen Martín Rubio na Casa de Galicia en Madrid

“O cronista galego Juan de Betanzos foi o autor da obra máis verídica e minuciosa que existe sobre o Imperio Inca”, asegurou a doutora en Historia de América, María del Carmen Martín Rubio.

Betanzos explica, entre outras moitas noticias, que Atahualpa naceu en Cusco, que Pizarro era chamado o capito e que Atahualpa foi vencido moi facilmente porque se enfrontou aos españois estando moi embriagado”, dixo na conferencia que pronunciou, na Casa de Galicia, baixo o título “Francisco Pizarro segundo o cronista galego Juan de Betanzos”.

O coordinador de actividades da Casa, Ramón Jiménez, foi o encargado de realizar a presentación da relatora, en nome do delegado da Xunta e director da Casa José Ramón Ónega López. Martín Rubio é ademais de doutora en Historia de América pola Universidade Complutense, profesora honoraria das Universidades Nacional San Antonio Abad e Andina de Cusco, así como da Universidade Nacional Maior de San Marcos, de Lima, de cuxa Facultade de Ciencias Sociais é Profesora Principal Visitante. É diplomada tamén en Estudos Amerindios, pola Casa de América; Académica Correspondente da Real Academia Hispano-Americana de Cádiz; e colaboradora do Consello Superior de Investigacións Científicas.

A profesora Martín Rubio falou na Casa sobre Juan de Betanzos, coincidindo coa publicación do seu último libro, Francisco Pizarro, el hombre desconocido, publicado por Edicións Nobel, baseado en gran medida nos datos revelados polo cronista galego nas súas obras escritas a mediados do século XVI. Explicou que Juan Diez de Betanzos y Araoz descendía por liña paterna da poderosa familia dos Andrade, orixinaria do pobo coruñés do que tomou o seu nome, onde na Idade Media un membro deste tronco adoptou o apelido composto. Debeu de recibir unha educación esmerada porque enseguida aprendeu con perfección o quechua; por iso é polo que foi intérprete dos gobernantes enviados a Perú pola Coroa española, que ao pouco de chegar traducise unha doutrina e vocabularios cristiáns a ese idioma e que interviñese na Relación dos Quipucamayos.

A relatora sinalou que Juan de Betanzos chegou a Perú “posiblemente entre 1534 ó 1535 e en 1536 loitou con armas e cabalos, á súa costa, na liberación da Cidade dos Reyes, Lima, o que lle valeu iniciar unha gran amizade con Francisco Pizarro”. Contan os cronistas que Pizarro derramou bágoas cando se viu obrigado a ordenar a execución de Atahualpa porque, segundo as noticias, ían ser atacados por un exército de cincuenta mil guerreiros aboríxenes.

Tamén falou a conferenciante das princesas Incas, que rodeadas de enorme luxo, desempeñaban o papel de establecer lazos con outras etnias. “Seguindo ese costume, Atahualpa entregou á súa irmá Quispe Sisa, de dezasete anos, a Pizarro, de cincuenta e tres e, aínda que o conquistador sempre fora un solteirón, tomouna por esposa e con ela tivo dous fillos”.

Unha princesa de excepcional categoría foi Cuxirimay Ocllo por descender do noveno inca Pachacuti, o transformador e modernizador do mundo andino, e pola súa gran beleza. Estas circunstancias fixeron que se convertese na esposa de Atahualpa cuns doce anos, de Pizarro con dezasete e de Juan de Betanzos con vintedous. Ela foi a musa do cronista e quen lle introduciu entre os nobres e sabios do imperio.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2016-02-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (proxecto-xenoma-galicia.jpg) O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados co cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ata o de agora, foron analizadas 3.112 mostras biolóxicas. En concreto, 1.037 mostras de sangue na primeira pilotaxe do proxecto, 796 de saliva no segundo piloto e, coa primeira fase do proxecto en marcha, 1.279 mostras dos voluntarios dos primeiros distritos participantes. A análise das mostras destes 1.279 participantes da fase 1 permitiu detectar 25 novos casos positivos. En concreto, 14 participantes deron positivo en cancro de mama e ovario hereditario, dous na síndrome de Lynch e nove en hipercolesterolemia familiar.
Foto de la tercera plana (womex-2026.jpg) A Pedreira e Fillas de Cassandra estarán presentes no Womex 2026, o máis importante encontro mundial das músicas folk e de raíz que se celebra ata este domingo en Las Palmas de Gran Canaria. Trátase dunha iniciativa que ofrece aos artistas e ás empresas galegas un espazo para dar a coñecer o seu traballo ante programadores, festivais, axencias de contratación e outros profesionais de diferentes países. A artista foi escollida por un xurado internacional independente para formar parte dos Official Showcases, a selección oficial de concertos coa que Womex achega aos profesionais propostas das músicas do mundo.

Notas

A Universidade de Vigo acollerá os días 4, 5 e 6 de novembro a 5th European School on Environmental Applications of Advanced Oxidation Processes (5thEPS-AOPs), un encontro científico internacional que reunirá expertos, persoal investigador, estudantes de doutoramento e representantes do sector empresarial para abordar os últimos avances en tecnoloxías de descontaminación ambiental e tratamento sostible da auga.
A UDC pon en marcha InPacto, unha iniciativa que busca achegar a investigación de excelencia á cidadanía e fortalecer a conexión entre universidade, empresa e sociedade. Este programa reúne por primeira vez nun proxecto común ao persoal investigador Ramón y Cajal (R&C) da UDC para desenvolver unha programación de actividades de divulgación, transferencia de coñecemento e participación social.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES