Archivo (9 del 2018)

Buscador

Noticias

O Programa Benestar en Balnearios facilita que preto de 1000 persoas maiores gocen dunha estadía de seis días e cinco noites en tres establecementos talasos situados na comunidade durante o último trimestre do ano grazas ao Programa de benestar a través da talasoterapia. Deste xeito, e a partir do 7 de outubro, os participantes acudirán ao Hotel Talaxo Louxo (Illa de Arousa, Pontevedra), ao Talaso Atlántico (Oia, Pontevedra) e ao Thalasso Cantábrico (Viveiro, Lugo).
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o director de Innovación e Negocio da CRTVG, José Pereira, inauguraron esta mañá na Cidade da Cultura o Workshop de Consultas ao mercado para o desenvolvemento de proxectos innovadores no ámbito dos contidos dixitais interactivos. Ambas entidades están a colaborar para adaptar as emisións do ente público ás novas demandas de consumo, no marco do Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia, DICO Mindset.
O Centro Galego de Arte Contemporánea celebra o seu 25 aniversario con música, obradoiros, danza, cinema e unha intervención lumínica de Javier Riera, que poñerá en valor a colaboración entre Álvaro Siza, arquitecto do CGAC, e a paisaxista galega Isabel Aguirre para crear o parque de Bonaval. Trátase dunha programación con actividades destinadas a atraer un gran número de persoas a este “espazo aberto para o desenvolvemento, impulso e promoción da arte galega actual”, segundo o definiu o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa de presentación das iniciativas.
Un grupo de xornalistas asiáticos e outro de xornalistas finlandeses están a visitar esta semana a Comunidade galega para coñecer parte dos recursos asociados ao Camiño de Santiago e promover así a ruta xacobea en países como Singapur, Indonesia, Malasia, Filipinas ou Finlandia. Convidados por Turismo de Galicia, os profesionais finlandeses coñecerán diferentes lugares emblemáticos do Camiño Portugués da Costa, neste ano no que o Goberno galego dedica gran parte dos seus investimentos e esforzos de promoción a este itinerario xunto ao Camiño Portugués.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a Comunidade galega inicia o curso con 24.081 prazas públicas para nenos de 0 a 3 anos, case 500 novas prazas máis que o ano anterior, e con cinco novas escolas infantís en Lugo, Santiago, Ourense, A Estrada e Mos. Durante unha visita ás instalacións da nova escola infantil da Fundación Amancio Ortega en Lugo, Feijóo aseverou que esta cifra –a maior en número de prazas de escolas infantís da historia da comunidade- sitúa a ratio de cobertura en Galicia nun 41,6%, oito puntos por riba da ratio mínima aconsellada pola Unión Europea; unha cifra similar á provincia de Lugo que conta cunha oferta total de 2.653 prazas públicas.
A Cidade da Cultura acolleu a tarde de hoxe a XV Romaría Coral galega, o evento máis importante en Galicia deste xénero musical, ao reunir preto de 800 voces na Praza Central do Gaiás, procedentes de 34 agrupacións. Todas elas entoaron de maneira conxunta pezas do cancioneiro popular galego e internacional, obras de autores clásicos e, como colofón, remataron interpretando o Himno galego, acompañados pola Banda Municipal de Música de Santiago. A XV Romaría Coral Galega comezou ao mediodía de hoxe coa asistencia de todos os participantes á misa cantada na igrexa de San Francisco, en Santiago de Compostela.
A Ruta dos Mosteiros permite coñecer exemplos sobranceiros do patrimonio cultural de Galicia combinándoo co desfrute dos recursos termais galegos. Xunto ao Mosteiro de Carboeiro, o itinerario complétase cunha visita ao pazo de Oca, no concello da Estrada; ao mosteiro de Oseira, en San Cristovo de Cea, ou ao templo da Veracruz do Carballiño. Os viaxeiros rematan a xornada no balneario de Caldas de Partovia. A vindeira saída será o 14 de outubro, para a que tamén están xa esgotados todos os billetes. A edición deste ano continua ata outubro con melloras e novidades que amplían máis aló do verán o éxito desta experiencia que cumpre xa seis edicións.
A Comunidade galega vén de intensificar os seus contactos co mercado chinés coa súa participación no II Foro de Turismo España-China (FOTEC), o evento de turismo máis importante entre ambos países que se celebrou esta semana en Shanghai con máis de corenta empresas e institucións españolas. A participación de Galicia neste encontro incluíu numerosas reunións bilaterais con varias das mellores empresas chinesas do sector. Os encontros permitiron incrementar a visibilidade de Galicia ante turoperadores e viaxeiros deste país.
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo desvelou hoxe a programación da súa vixésimo sétima edición, que do 28 de setembro ao 31 de outubro desenvolverá 41 espectáculos e diferentes accións paralelas arredor da exhibición e da formación escénica. O Pazo da Cultura, principal sede do FIOT, acolleu esta tarde a presentación da que é unha das citas máis importantes da nova temporada teatral, tanto por volume de actividade como por número de días de celebración. Entre as compañías programadas figuran moitos nomes imprescindibles da escena actual.
Un total de 147.439 estudantes comezarán o vindeiro luns, 17 de setembro, as clases na educación secundaria obrigatoria (ESO), bacharelato, e ensinanzas de réxime especial (ensinanzas para adultos, artísticas e deportivas), segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Cómpre lembrar que as cifras de matriculación non serán definitivas ata dentro dunhas semanas, dado que aínda nos últimos días se realizaron exames de recuperación en secundaria. De feito, neste total tampouco se contempla o alumnado de FP, ensinanzas nas que aínda é posible matricularse.
« Anterior | 3  de  6 | Siguiente »

Archivo

2024 (209)

2023 (515)

PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES