Actualidad de Turismo

Noticias turismo

Galicia recibiu onte un total de 18 estrelas Michelin para 16 restaurantes galegos, o que reafirma que a proposta galega sitúa a Galicia como destino enogastronómico de referencia. Dos 16 restaurantes, dous deles, Culler de Pau e Camiño da Serpe, acadan dous destes distintivos. Durante esta celebración, o restaurante Ceibe, localizado en Ourense, e o Asador O´Pazo, en Padrón recibiron unha estrela Michelin. Así, os chefs Lydia do Olmo e Xosé Magalhaes, do restaurante ourensán, e Óscar Vidal, do restaurante situado no concello coruñés, recibiron as icónicas chaquetas de cor branca polo súa labor.
Galicia rexistrou este ano máis de 2,1 millóns de viaxeiros aloxados e máis de 4,7 millóns de noites no conxunto dos aloxamentos turísticos galegos, cifras que superaron nun 12,4% a cifra de viaxeiros do ano 2019. Destaca de todos eles o turismo interno -dos residentes en Galicia- que superan os niveis de demanda dos últimos anos, rexistrando 570.000 noites só no ámbito hoteleiro, -a cifra máis elevada da serie histórica. Marcan tamén dinámicas positivas os turistas procedentes de Madrid, Andalucía e Castela e León, con incrementos tanto en relación ao pasado ano como en comparación co 2019.
O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (PNMTIAG) xa está certificado como destino de ecoturismo, que o converte no primeiro parque nacional de todo o país en obter este recoñecemento oficial ao seu traballo a prol da calidade e da sostibilidade turística dentro das áreas e espazos naturais amparados por algún tipo de protección. Así se deu a coñecer no VI Congreso Nacional de Ecoturismo, que se celebra no Pazo de Mariñán, escenario escollido pola súa localización dentro da Reserva de biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo, que exerce de anfitriona e foi o primeiro destino de ecoturismo certificado en Galicia.
A Cidade da Cultura acolle os foros do proxecto 'Eurorrexión destino turístico intelixente' (EDIT) liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e financiado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). No proxecto EDIT participan, ademais, a Axencia Turismo de Galicia, Turismo do Porto e Norte de Portugal, a Universidade do Minho, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e a asociación CCG/ZGDV Centro de Computación Gráfica. Entre os obxectivos do proxecto EDIT está o de normalizar os datos procedentes de sensores de Galicia e o Norte de Portugal que permitan controlar, analizar perfiles e xestionar os fluxos turísticos.
2022 foi un ano histórico para o turismo en Galicia con récord de peregrinos e unha ocupación hoteleira nunca vista no mes de agosto. Esta semana superouse a barreira das 348.000 compostelas do total de 2019, o ano con máis peregrinos desde que hai rexistros. Tendo en conta a progresión de afluencia no segundo ano do Xacobeo, podería pecharse o 2022 coa extraordinaria cifra de 400.000 peregrinos. En canto aos datos de ocupación hoteleira no mes de agosto, acadouse un máximo de viaxeiros e de pernoitas e un nivel de recuperación respecto do 2019 por riba da media de España.
Galicia espera unha ocupación entre o 75% e o 90%, acadando as mellores cifras na primeira quincena de agosto, segundo o informe presentado polo Clúster de Turismo de Galicia que levou a cabo unha consulta aos seus asociados, principalmente do sector hoteleiro, co obxectivo de coñecer as previsións do sector turístico galego para os meses de xullo e agosto. A recollida da información tivo lugar de forma telefónica os días 29 e 30 de xuño. As perspectivas son optimistas para o conxunto de Galicia, tendo en conta a recuperación do Camiño de Santiago e e dos turistas estranxeiros. Na provincia de Pontevedra agárdase acadar cifras similares ás de 2019, con ocupacións entre o 80 e o 90% no mes de agosto.
Tivo lugar a presentación da nova tempada dos Trens Turísticos de Galicia, que nos meses de setembro e outubro teñen programadas 37 saídas, con novos roteiros (a Ruta dos Queixos de Galicia e a Ruta de As Mariñas), melloras e novidades que amplían máis aló do verán o éxito desta experiencia que cumpre xa sete edicións. Xa se venderon un 26% de toda a oferta de prazas de trens turísticos desta edición, o que significaría que contando só a oferta de prazas do mes de xuño sería case do 75 %. Os Trens Turísticos de Galicia conseguiron unha ocupación de case o 100% na edición anterior entre os meses de xuño e agosto, o que mostra a súa consolidación como un dos produtos turísticos máis demandados polos galegos e visitantes.
Un total de 29 itinerarios galegos pertencentes a 19 municipios e cunha extensión total de máis de 220 quilómetros terán este ano o recoñecemento internacional de sendeiro azul. Este balance converte a Galicia, unha vez máis, na Comunidade española co maior número de distintivos deste tipo, un galardón que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede desde hai varios anos para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna.
Un total de 112 praias galegas pertencentes a 34 municipios terán este verán unha bandeira azul, distintivo co que cada ano a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece a areais de todo o mundo en base a criterios de sustentabilidade e de servizos. De todas as praias galardoadas nesta última edición cómpre subliñar que tres lucirán a bandeira por primeira vez: Porto Suevos, no concello de Arteixo; Banda do Río, en Bueu; e Santa Baia, en Vigo. Ademais, a de Fontela Valea, en Barreiros, volve sumarse á listaxe de areais galegos con esta distinción, despois de que o ano pasado non a recibira. Galicia concentra unha de cada cinco das bandeiras concedidas en 2022 en todo o país, con 112 areais recoñecidos que se estenden ao longo de 42,7 km.
O bo tempo meteorolóxico e as reservas de última hora para os días festivos, especialmente a partir do xoves permitiron que Galicia peche unha Semana Santa cunha ocupación media por riba das previsións establecidas polo sector en boa parte dos destinos turísticos galegos, que o sector sitúa por riba do 80%. No caso de destinos turísticos como Ferrol, Ourense Santiago de Compostela, a Mariña lucense ou Ribeira Sacra a ocupación foi incluso maior, situándose entre o 90% e o 100% nalgúns casos.
« Anterior | 5  de  24 | Siguiente »

Notas turismo

Só poderá admirarse o sábado, 29 de xuño e coa Torre de Hércules como escenario privilexiado. Baixo o nome Luz e Son de Hércules as paredes do monumento servirán de gran pantalla de 36 metros de alto para o espectáculo audiovisual exclusivo que se celebrará como remate do programa do X Aniversario do monumento como Patrimonio da Humanidade, nunha iniciativa organizada polo Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña.
Galicia promove esta semana a oferta do sector da organización de congresos e reunións de empresa na feira especializada IMEX, que se desenvolve na cidade alemá de Fráncfort. Trátase dunha das feiras de congresos máis senlleiras do mundo no ámbito do turismo de reunións e Galicia está presente cun espazo de promoción. Este ano asisten as entidades Santiago de Compostela Convention Bureau, Turismo da Coruña e Abramar DMC.
O IX Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2019, que se celebrará do 6 ao 9 de xuño, desenvolverá unha vez máis a súa recoñecida Bolsa de Contratación Turística, a cal converterá de novo ao certame nunha importante plataforma de negocio para a oferta turística. No seu marco reuniranse 48 operadores turísticos, catro máis que na pasada edición, de España e doutros dez países con gran interese como emisores de turismo. Así, proceden de Alemaña, Brasil, EE.UU, Finlandia, Italia, Irlanda, Portugal, Rusia, Suecia e Suíza.
A Feira Expovacaciones amosa alternativas innovadoras e as tendencias máis interesantes en rutas e destinos turísticos nacionais e internacionais, así como innovadoras alternativas de ocio e tempo libre. Este ano, como novidade a feira incorpora un novo concepto baseado no deporte, a gastronomía e a aventura para que os viaxeiros poidan elixir destinos segundo as actividades, excelencias gastronómicas do territorio ou nas vivencias descoñecidas.
Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, celebra a súa vixésima edición en Expourense a partir do mércores que vén, día 6, ata o domingo, día 10 de febreiro. Este ano a feira reúne a 283 expositores achegados de 12 países: España, Portugal, Brasil, Panamá, Costa Rica, México, Colombia, Perú, Cuba, Arxentina, Nicaragua e Italia. Así, Xantar cumpre 20 anos e o celebra presentando o programa de actividades máis internacional.
A oferta náutica da Comunidade galega estará presente na LVIII edición do Salón Náutico de París, desde hoxe e ata o día 16 de decembro, ao obxecto de promover internacionalmente o turismo náutico e a actividade das instalacións náutico recreativas galegas, nun certame que reúne anualmente uns 250.000 visitantes de todo o mundo.
No Parador Nacional de Turismo de Tui, diversas asociacións do Camiño Portugués a Compostela asinaron a constitución da Federación Internacional de Asociacións do Camiño Portugués de Santiago, en acto que contou coa presenza de Nava Castro, Directora de Turismo de Galicia.
O congreso internacional World Trails Conference, que se vén celebrando en Santiago de Compostela desde o mércores coa participación de representantes das mellores rutas culturais, ecolóxicas e de peregrinación de todo o mundo pechouse despois de poñer de manifesto o papel do Camiño de Santiago como referente internacional no seu modelo de xestión.
Unha mostra de cine ao redor das mellores rutas culturais, ecolóxicas e de peregrinación de todo o mundo completará o programa de actividades do World Trails Conference, o congreso internacional impulsado por Turismo de Galicia que reunirá a partir do vindeiro mércores 26 de setembro en Santiago de Compostela a representantes dunha selección dos mellores itinerarios dos cinco continentes.
Un total de 325.417 persoas visitaron entre xuño, xullo e agosto unha das catro illas que conforman o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Esta cifra preliminar foi aportada esta mañá pola directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, durante a rolda de prensa para presentar o balance de visitas ás illas do Parque Nacional, onde indicou que se trata de “cifras preliminares”, á espera do peche das bases de datos co fin da campaña.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES