Actualidad de Pesca

Noticias pesca

A Xunta de Galicia acaba de ser recoñecida como parte coadxuvante no recurso presentado pola OPP burelense contra o veto á pesca de fondo decretado o ano pasado pola Comisión Europea en 87 zonas de augas comunitarias. O Tribunal Xeral da Unión Europea emitiu o pasado venres unha resolución na que admite a intervención do Executivo galego no procedemento ao recoñecer que esta prohibición impacta nos intereses da comunidade autónoma. Esta decisión do tribunal europeo supón un fito moi importante posto que poucas peticións deste tipo -presentadas polas rexións europeas- prosperan, e implica que a Administración galega poida participar activamente no proceso.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo hoxe un encontro cos presidentes da federación galega e das tres provinciais de confrarías de pescadores (A Coruña, Lugo e Pontevedra) para analizar a situación do sector e os retos máis inmediatos que afronta. Neste primeiro contacto conxunto tralo seu nomeamento, o titular de Mar trasladou aos representantes das confrarías que a nova Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia -que se debate mañá no Parlamento- vai outorgar ás empresas do complexo mar-industria a seguridade xurídica que precisan, e o Goberno central lles nega, para seguir instaladas preto da costa.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, defendeu hoxe en Baiona a necesidade de rebaixar o IVE dos produtos do mar para reactivar o seu consumo e valorizar o labor esencial do sector pesqueiro como subministrador de alimentos de calidade á cidadanía. Nesta liña, sinalou que esta medida contribuiría a incentivar o movemento do mercado, a aliviar a situación das familias -especialmente as de aquelas con baixos ingresos- e a mellorar as previsións de crecemento económico. Así o expuxo na inauguración do 23 Congreso Aecoc de produtos do mar, onde estivo acompañado polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta.
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou en Bruxelas nun encontro de partes interesadas relacionado co ditame do Comité Europeo das Rexións (CdR) sobre o futuro do sector pesqueiro na Unión Europea, encargado á Xunta. Tralo último encontro da comisión de Recursos Naturais (NAT) do CdR, Gamallo presentou as primeiras liñas deste ditame e intercambiou opinións con rexións vencelladas co sector pesqueiro, así como con outras partes interesadas do sector público e privado.
Tivo lugar hoxe a presentación das primeiras ideas do ditame 'A Política Pesqueira Común sobre o terreo: cara a unhas comunidades costeiras sostibles e resilientes na UE'. A Comisión Europea presentou en febreiro un paquete de catro comunicacións co obxectivo de 'mellorar a sustentabilidade e a resiliencia do sector da pesca e acuicultura na UE'. Entre as medidas propostas, inclúese a prohibición da pesca de arrastre de fondo nas áreas mariñas protexidas. A intención da Xunta é plasmar unha visión rexional que contribúa a acadar un equilibrio entre as dimensións social, económica e medioambiental da Política Pesqueira Común (PPC).
A conselleira do Mar, Rosa Quintana asegurou que é necesario que Bruxelas reflexione sobre as medidas que está a adoptar e os seus efectos tendo en conta malos precedentes de desafección europeísta como a saída do Reino Unido da Unión Europea. Decisións afastadas da realidade como o veto á pesca de fondo aprobado o ano pasado ou os plans para prohibir o arrastre nas áreas mariñas protexidas, incidiu, son exemplos de políticas que prexudican ao sector pesqueiro e provocan a desaprobación dos profesionais do mar.
A Feira Expomar, de carácter bianual, pretende superar as cifras acadadas na última edición –celebrada en 2019, pois en 2021 por mor da pandemia– a cal se converteu na máis concorrida da historia con 135 expositores que representaron a máis de 350 marcas de diferentes países. Este ano, a Xunta de Galicia participa cun posto de 96 metros cadrados onde se ofrecerá información sobre distintas marcas acreditadas como Mexillón de Galicia, Bonito do Norte ou pescadeRías, baixo o paraugas da campaña GALICIA SABE AMAR.
A campaña 'Galicia sabe amar', posta en marcha pola Xunta en 2021, está promocionando os produtos galegos do mar por toda España, dando a coñecer a calidade e versatilidade dos peixes e mariscos para impulsar o seu consumo. Desde o mes de febreiro, diversos municipios españois vinculados cos Camiños de Santiago están coñecendo as bondades dos manxares das rías galegas. Trátase dunha iniciativa posta en marcha pola Consellería do Mar que se materializa en catro foodtrucks rotuladas coa imaxe da campaña que están a realizar outros tantos percorridos pola xeografía española para ofrecer un total de arredor de 1.000 degustacións de produtos do mar de orixe galego nuns 260 municipios (con estancia de entre un e tres días en cada un deles tanto en horario de mañá como de tarde), cun alcance potencial de 13 millóns de persoas.
O sector do mar de Galicia acadou un récord en 2022 no campo das exportacións, ao superar os 2.700 millóns de euros de facturación. A comercialización internacional de produtos do mar é unha oportunidade para o crecemento do sector fronte á crise de prezos actual que se engade ás dificultades vividas pola pandemia da covid-19 ou a guerra en Ucraína, que afecta ao acceso a determinadas materias primas. Neste ámbito está a darse unha tendencia crecente nos últimos anos, pois desde 2017 -exercicio no que se rompeu o teito dos 2.000 millóns de euros de facturación- os datos non baixaron desa cifra.
A Xunta de Galicia presentou esta semana ante o Tribunal Xeral da Unión Europea a demanda de intervención da comunidade autónoma como parte coadxuvante no recurso presentado pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7) e os seus socios contra o regulamento de execución aprobado pola Comisión Europea que veta a pesca de fondo en 87 zonas de augas comunitarias. Se o tribunal acepta a participación como parte coadxuvante, o Executivo galego poderá intervir no procedemento e defender de xeito directo os intereses tanto da frota afectada como do conxunto da autonomía.
« Anterior | 2  de  25 | Siguiente »

Notas pesca

Un informe elaborado polo grupo de Economía Pesqueira e Recursos Naturais da USC para o goberno autonómico evidencia que a proposta de recorte nas posibilidades de pesca dalgunhas especies pon en risco arredor de 400 empregos na comunidade, unha ameaza que, sumada ás rebaixas de anos anteriores, afecta a máis de 700 postos de traballo.
Durante a pandemia por mor da covid-19, rexistrouse un cambio no comportamento de consumo da poboación galega, que aumentou de xeito significativo o gasto en produtos do mar frescos e en conservas durante o primeiro confinamento. Esta é a conclusión principal á que chegaron científicos da USC e da UVigo nun estudo publicado na revista Frontiers in Marine Science e cuxo primeiro asinante é o profesor da USC Sebastián Villasante.
O primeiro estudo que analiza os cambios transformadores da pesca artesanal en Galicia demostra que o sector foi capaz de manter elementos básicos chave para manter a súa resiliencia ao longo do tempo. Así o conclúen investigadores do proxecto Consolidator Grant ‘EQUALSEA-Transformative adaptation towards ocean equity’, financiado polo European Research Council, e liderado polo profesor da USC Sebastián Villasante.
A diverxencia de criterios entre os diferentes actores que interveñen no sector da pesca constitúe unha fonte de innovación enriquecedora á hora de establecer regulamentos neste ámbito. Así o afirman científicos da USC e do Instituto Español de Oceanografía (IEO) logo de realizar 24 entrevistas en profundidade a armadores e capitáns de barco da flota pesqueira de arrastre galega en Marín, Bueu e Ribeira, coa intención de afondar na súa postura en torno á obrigación da Política Pesqueira Común (PPC), de desembarcar todas as capturas.
O proxecto PuertAlMar, impulsado polo Porto de Vigo e o Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo en colaboración co Puerto de Melilla, naceu coa finalidade de analizar a importancia de recuperar e conservar as áreas alteradas en contornas marítimo-portuarias e os seus beneficios para o desenvolvemento de actividades pesqueiras sostibles.
A conselleira do Mar destacou a importancia de aplicar as tecnoloxías á xestión global da actividade pesqueira para garantir o futuro da actividade e avanzar na súa competitividade, sustentabilidade e no posicionamento dos produtos do mar. Uns obxectivos que perseguen distintos proxectos como Primare, Ticpesc, ou o selo de calidade 'pescadeRías, de onde se non?'.
Tivo lugar hoxe a presentación do proxecto de cooperación Tanza: inclusión social, sector pesqueiro, economía circular, do que forman parte varios grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) de Galicia. Durante o encontro puxo en valor o importante labor que realizan estas entidades no desenvolvemento socioeconómico das zonas de pesca impulsando valores como a inclusión social.
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, participou esta semana nunha reunión telemática trilateral coa Comisión Europea, a unidade de apoio da Rede Europea de Zonas de Pesca (Farnet) e o Goberno central xunto ás comunidades autónomas para analizar o labor desenvolvido nos últimos meses polos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) no marco das súas estratexias de desenvolvemento local participativo.
Foi presentada a segunda edición dos premios Economía Azul, un recoñecemento aos mellores proxectos sustentables das zonas pesqueiras de Galicia postos en marcha ao abeiro das axudas para proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro. A diferencia da edición anterior, esta inclúe unha nova categoría para premiar a economía circular nas zonas costeiras, que se suma ás de apoio á pesca costeira artesanal, creación de emprego no sector pesqueiro e marítimo, diversificación e innovación local.
Laxe é a primeira parada da exposición "O océano que nos une" na Costa da Morte. Esta mostra itinerante da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos quedou inaugurada no Museo do Mar nun acto celebrado esta mañá e permanecerá neste espazo ata o vindeiro 25 de agosto. Todos os interesados poderán visitala os días 15, 16 e 17 de agosto en horario de mañá (de 11:00 a 14:00 horas) e desde o día 18, de xoves a domingo de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES