Notas de prensa

A poboación galega incrementou o consumo de produtos do mar frescos e en conserva durante a pandemia

Durante a pandemia por mor da covid-19, rexistrouse un cambio no comportamento de consumo da poboación galega, que aumentou de xeito significativo o gasto en produtos do mar frescos e en conservas durante o primeiro confinamento. Esta é a conclusión principal á que chegaron científicos da USC e da UVigo nun estudo publicado na revista Frontiers in Marine Science e cuxo primeiro asinante é o profesor da USC Sebastián Villasante.

Xunto a Villasante, tamén son autores do traballo, o docente e investigador da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e do grupo Ecobas da UVigo José María Da-Rocha Ãlvarez, e os tamén profesores da USC Ana Tubío, Gillian Ainsworth, Pablo Pita e Manuel Antelo.

O artigo Rapid assessment of the COVID-19 impacts on the Galician (NW Spain) seafood sector constitúe unha avaliación do influxo da covid-19 no sector dos produtos do mar de Galicia. Os autores e autoras centráronse non só nos impactos inmediatos no sector da pesca extractiva, senón tamén na capacidade da acuicultura e as conserveiras para abastecer os mercados de produtos do mar antes e durante a pandemia. Para levar a cabo este obxectivo, sintetizáronse múltiples fontes de información de toda a cadea de subministros de produtos do mar para evidenciar, por unha banda, as primeiras respostas do sector, e por outra, as variables de recuperación antes (durante o período 2015-2019) e durante a pandemia (2020).

“Galicia constitúe unha das rexións marítimas máis importantes do mundo”, explica o profesor Villasante. “Os resultados do estudo poñen de manifesto como o comercio de produtos do mar viuse perturbado polos cambios bruscos tanto na demanda e a oferta, como nas limitacións no movemento de persoas e mercadorías, cunha ampla gama de impactos e consecuencias para o sector dos produtos do mar”, engade.

Actuación colectiva

Segundo o estudo, en 2020 constatouse un importante descenso no relativo aos desembarcos (-18% en volume e -14% en valor), á produción da acuicultura galega (-11% en volume e -12% en valor), ás importacións (-10% en volume e -11% en valor) e ás exportacións (-19% en volume e -16% en valor) de produtos do mar frescos, vivos e conxelados. Pola contra, a produción de conservas (+2% en volume e +10% en valor), así como as importacións (+10 e +6%, respectivamente) e exportacións (+17 e +26%, respectivamente) de produtos do mar preparados e en conserva rexistrou unha tendencia crecente durante a pandemia.

“A proximidade aos mercados, o investimento en cadeas de subministro nacionais ou próximas e o desenvolvemento de novas innovacións tecnolóxicas contribuíron a evitar a escaseza de alimentos e a perda de medios de vida en Galicia”, continúa o profesor Villasante. Os pescadores e as empresas pesqueiras tamén “actuaron colectivamente para reafirmar os seus dereitos e proporcionar produtos do mar esenciais e de alta calidade á poboación galega”, conclúe o investigador.

Universidade de Vigo, 2021-10-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (libros.jpg) Máis de 3.000 alumnos e alumnas, tras ler as obras finalistas, emitiron as súas valoracións para escoller as obras gañadoras das sete categorías. Os títulos seleccionados na categoría Infantil foron Caderno de cores e cancións, de Magín Blanco e Sonia García, como ilustradora, e está editado por Galaxia. Na de primeiro e segundo curso de Educación primaria foi distinguido Violeta parapluie e outras historias de xente pouco corrente de Ramón D. Veiga, publicada por Edicións Embora. Na segunda categoría distinguiuse A pulga espacial de Xabier Domínguez e Alba de Evan.
Foto de la tercera plana (comunicacion.jpg) A Xunta publica a consulta previa para unha nova Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital, que se adecúe á normativa europea e á realidade que trouxeron consigo os cambios tecnolóxicos dos últimos anos. As modificacións introducidas pola Directiva comunitaria 2018/1808, polo Regulamento comunitario 2024/1083 e pola recente Lei 13/2022 xeral de comunicación audiovisual, xunto cos avances tecnolóxicos, obrigan a reconsiderar o vixente texto legal.

Notas

O próximo día 8 de maio terá lugar no Xardín das Pedras que falan (xardín traseiro do Colexio de Fonseca), ás 20.00 horas e con entrada libre, a segunda edición do MilongUSC. Nesta ocasión, contará coa participación dos alumnos do curso de Danza-tango 23/24 da USC que, baixo as ensinanzas dos profesores Chusa Pérez de Vallejo e Ezequiel Merlo, amosarán o aprendido neste curso.
A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu a xornada 'Inclusión e deporte. O deporte como clave para intervir socialmente'. Nela reivindicouse o papel da educación social no deporte, convidando a egresadas deste centro, educadoras sociais, a expor boas prácticas desenvolvidas neste eido en diferentes entidades da cidade.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES