O poeta e profesor lucense Claudio Rodríguez Fer presentou en 2021, no Centro Sociocultural de Fingoi en Lugo, o seu poemario erótico, vitalista e libertario "ADN do infinito", acompañado do tamén poeta e profesor lucense Saturnino Valladares, quen asegurou daquela que non só lle tería gustado ter escrito tal obra, senón que a pensaba escribir, só que noutra lingua. Tres anos despois e cumprindo a súa palabra, Valladares publicou en 2024

a tradución ao portugués de dito libro na edición bilingüe "DNA do infinito / ADN do infinito", presentada en Lugo neste mesmo ano, concretamente na Librería Biblos, rexentada polo ex-alumno do primeiro e ex-colega do segundo, Julián García García.
Xa en 2021 comentouse aquí o plural sentido "O ADN do infinito de Claudio Rodríguez Fer":
https://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.28518.php. E, no mesmo ano, Ramón Nicolás comentou en "ADN do infinito e outros textos de Claudio Rodríguez Fer" o carácter integral do proxecto poñendo en valor as ilustracións en relevo da cuberta e as do interior de Sara Lamas:
https://cadernodacritica.wordpress.com/2021/12/29/adn-do-infinito-e-outros-textos-de-claudio-rodriguez-fer/. Seguidamente, xa en 2022, Armando Requeixo deu conta cabal desta "Poética desoxirribonucleica" centrándoa no "erotismo vital que a caracteriza": "Porque aquí a Vida é a Poesía como a Escrita é a Existencia. E porque os amanes son un, viceversos, recíprocos, implicatorios e transfundidos. Amor que non ten mesura. Eros infinito. Tigre indómito e indomable gacela apoderada. Libre amor e amour fou".
"DNA do infinito / ADN do infinito" foi publicado por Valer Editora, radicada en Manaos, capital da Amazonia brasileira, onde exerce como profesor da Universidade Federal do Amazonas o seu tradutor ao portugués. Anteriormente, en 2019, o propio Saturnino Valladares publicara na mesma editorial, así mesmo en edición bilingüe, o poemario tamén erótico, vitalista e libertario "Uma temporada no paraíso / Unha tempada no paraíso" de Claudio Rodríguez Fer, ademais doutros libros, traducidos do castelán, de José Ángel Valente, Antonio Gamoneda e Francisco Brines. Valladares xa é, pois, o principal introdutor da poesía española e da poesía galega das últimas décadas no Brasil, tanto polas súas traducións como polos seus estudos en revistas especializadas, polos seus relatorios en simposios diversos e polas súas clases universitarias sobre elas alí.
"DNA do infinito / ADN do infinito" é unha obra de poesía vital de carácter principalmente amoroso, temática que Claudio Rodríguez Fer ten cultivado intensamente dende os seus primeiros libros, escritos en Galicia ("Poemas de amor sen morte", "Tigres de ternura", "Historia da lúa", "A boca violeta"), ata este, pasando por outras obras en gran medida escritas fóra de Galicia ("Extrema Europa", "A unha muller descoñecida", "Viaxes a ti", "A muller sinfonía"), pois o poeta morou e exerceu a docencia na súa terra, mais tamén en Nova York, Bretaña e París, ademais de ter percorrido, ofrecendo recitais e conferencias, moi diversos países de Europa, América e África. En consecuencia, a súa composición "A cabeleira", o poema galego máis traducido da historia, ten versións en máis de oitenta idiomas dos cinco continentes da Terra:
https://www.acabeleira.com/a_cabeleira_multilinge.html
Combinando ambas tendencias xeopoéticas, a intragalega e a intercultural, este poemario de madurez foi fundamentalmente vivido e escrito entre Galicia e Romanía, polo que non é de estrañar que nel aparezan referencias á natureza silvestre e a poesía medieval galaicas, pero tamén ás artes e ás líricas romanesas. Por exemplo, nel conviven as sensuais figuras femininas da prehistórica cultura cucuteni, por certo representadas nas cubertas das dúas edicións deste poemario, coas múltiples alusións intertextuais a poetas romaneses como Eminescu, Blaga, Stancu, Stanescu ou Nina Cassian. E especial presenza ten a tan sensorial escultura vangardista de Brancusi que parece encarnarse nestes versos: "pola alquimia do amor, / vivo cun Brancusi".
A transubstanciación intercultural característica da poesía sempre aberta ao mundo de Claudio Rodríguez Fer pode apreciarse explicitamente en poemas como "Cando a noite cae sobre Bucarest" ou os moitos que dedica á boscosa rexión de Transilvania (Ardeal en romanés), pois neste libro evócase tanto a paisaxe urbana como a paisaxe natural de Romanía.
Na presentación de "DNA do infinito / ADN do infinito", o poeta relatou que o poema "Entrando en Transilvania" fora escrito mentres se internaba en tren máis alá do mesto bosque de abetos que dá nome á rexión, lembrando que daquela tivera presente un verso sobre a incerteza do destino que escribira na mocidade: "quizais fenecerei en Transilvania de paso". Máis a forza da vida impúxose unha vez máis confiando na constante eternidade do presente sen temor a ningunha premonición ou superstición: "Eu renacín en transilvania de paso / poboado de vida como un bosque / entre os vales e os cárpatos".
Claudio Rodríguez Fer, que está traducido ao romanés por Ion Deaconescu, Victor Ivanovici e Adina Ioana Vladu, precisamente nunha antoloxía que leva o significativo título de "Dincolo de padure / Máis alá do bosque", recibiu no Festival Mundial de Poesía de Craiova a Medalla Eminescu e o Premio de Historia e Crítica Literarias da Academia Internacional "Mihai Eminescu", distincións que honran o nome do romántico poeta nacional de Romanía, equivalente ao que en Galicia representa o de Rosalía de Castro.
"DNA do infinito / ADN do infinito", perfectamente traducido ao portugués do Brasil, soa e resoa agora como un canto á plenitude do amor de quen parece ter acadado o "cume da vida" e pode cifrar a composición da súa esencia existencial: "Isto é o ADN do amor: / potencialidade infinita. / Dalo e recibilo todo / sen renunciar a nada."