Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O ADN do infinito de Claudio Rodríguez Fer

lunes, 06 de diciembre de 2021
Claudio Rodríguez Fer iniciou a poesía erótica galega en 1979 con Poemas de amor sen morte, pioneiro poemario que sensualizaba eroticamente a lingua galega, ao que seguiron moitos outros libros de versos da mesma temática (como os recollidos no ciclo Vulva, de 1990, ou na sección "Nómade" da recompilación Amores e clamores, de 2011). E a eles cómpre agregar O ADN do infinito de Claudio Rodríguez Feroutros libros de temáticas diversas nos que tampouco falta o erotismo (como os do ciclo Cinepoemas, iniciado en 1983, ou os da triloxía da memoria histórica, iniciada en 1987). Agora, enlazando coa paixón desbordante do seu primeiro libro, o seu último poemario, ADN do infinito, publicado por Andavira Editora en 2021, volve ser un explosivo cancioneiro amoroso cheo do erotismo vitalista que dende o principio ata hoxe caracterizou ao autor.

ADN do infinito, escrito en boa parte viaxando por Romanía, está ilustrado en vivas cores pola artista lucense Sara Lamas inspirándose en figuras femininas prehistóricas da cultura cucuteni, que mesmo se presentan en orixinal releve na cuberta do libro, como anunciando o táctil sensorialismo que o caracteriza. Sara Lamas, que xa ilustrou boa parte da produción poética do autor (Extrema Europa, A unha muller descoñecida, Viaxes a ti, Ámote vermella, Unha tempada no paraíso), incluídas moitas das súas traducións (ao bretón, ao francés, ao italiano, ao grego), consuma aquí o diálogo artístico-poético iniciado nos anos noventa entre o poeta e a pintora. E faino a través de colaxes que incorporan palabras e letras claves combinadas coas abismais espirais, coas sensuais curvas e cos angulares trazos que caracterizan ás venus de terracota realizadas na chamada cultura Cucuteni, que se estendeu durante o Neolítico polas actuais Romanía, Moldavia e Ucraína.

O libro preséntase como transcrición dun moderno códice iluminado recorrendo á técnica do manuscrito encontrado, reproducido ao inicio sobre un tecido con formas xeométricas tipicamente transilvanas e rotulado co título de "Caderno Cucuteni". A continuación, figuran tres partes denominadas e configuradas á maneira doutras tantas vías ou vidas bíblicas: "Xénese biopoética", "Éxodo emboscado" e "Apocalipse alquímica". Ao longo delas, aparecen constantes referencias emblemáticas da cultura de Romanía, como a da imaxe típica de A blusa romanesa pintada por Matisse ou a do poema escultórico titulado "Vivindo cun Brancusi", no que se encarna a materia: "Mais agora eu, / pola alquimia do amor, / vivo cun Brancusi".

A primeira parte iníciase cunha moi persoal "Rapsodia romanesa" onde xa está presente o diálogo con grandes poetas de Romanía, como o romántico Eminescu e o existencial Stanescu, que no seguinte e longo poema, "A ostra", toda unha cifra erótica da existencia, se estende tamén á rompedora poeta Nina Cassian. Ademais, os tres poetas citados reaparecen explicitamente na posterior composición metapoética "Fado da Fata Morgana". Con proxección integral, os versos de "A república núa" son un manifesto sobre o sentido, o lugar e o tempo do amor e do erotismo como principios básicos da utopía libertaria: "A autosuficiente comuna / da poesía no edén", onde se escriben "os poemas viventes / dos orgasmos azuis". E o mesmo alento libertario latexa tanto no poema en verso como no poema en prosa inspirados polos "libres e independentes" colegas animais que se presentan xa no título de "Gatas da lúa, gatos da rúa".

A segunda parte retoma a temática viaxeira característica do autor, onde se alude a cidades como Barcelona ou Lisboa pasando por numerosos lugares de Galicia. E na propia terra O ADN do infinito de Claudio Rodríguez Ferreencarna a "Emily Dickinson vendo pasar as cervas con Pero Meogo", pois a poeta romántica norteamericana, que o propio autor traduciu ao galego, e o poeta medieval galego-portugués, que xa apareceu antes na súa lírica, forman parte da súa identidade poética dende a súa mocidade.

Non obstante, a maioría dos poemas desta sección remiten a viaxes por Romanía, dende o musical "Cando a noite cae sobre Bucarest" aos moitos inspirados por Transilvania (chamada Ardeal en romanés), como os titulados "Entrando en Transilvania" ou "Somos Ardeal". Os topónimos desta boscosísima terra límite, xa aludida polo poeta no libro A boca violeta, de 1987, permítenlle transubstanciar erótica e poeticamente o seu significado latino, que é máis alá do bosque: "Como un tren entre abetos / entramos en Transilvania". Non é casual que a tradución da súa poesía ao romanés, feita por Victor Ivanovici e Adina Ioana Vladu, se titulase precisamente "Máis alá do bosque".

A terceira parte é unha apoteose do amor e da felicidade compartidos xa dende o primeiro poema, "Feliz idade na rúa da muller sinfonía", alusivo a senllos títulos, respectivamente, de Olga Novo (Feliz idade) e do propio Claudio Rodríguez Fer (A muller sinfonía). Odas magníficas de plenitude como "Muller independente", "ADN do amor e do pracer" e "A muller dos dous infinitos" constitúen a clave vitalmente amorosa e erótica do libro, pois declaran con rotunda claridade a fórmula da mesma: "Isto é o ADN do amor: / potencialidade infinita. / Dalo e recibilo todo / sen renunciar a nada". O subtexto da lingua romanesa en "Grazas fermosas" (pois en romanés adoita darse as grazas desta forma) e os neoloxismos por extensión lexical no último poema, "Transilvanación", poñen en evidencia as costuras vitais e verbais desta poesía vivida e encarnada, coa que se chega ao álxido poema apoteoticamente testamentario "Cume da vida": "Todas as ansias, / colmadas por fin".

En suma, ADN do infinito representa un punto culminante da vida e da obra do autor, pois nel, tanto persoal como poeticamente, "Todos os amores", "Todas a viaxes" e "Todas as harmonías / están plenas en min." Mais esta acción de grazas fermosas non esquece a necesidade da loita permanente a través do cultivo do máis xeneroso amor libre e do máis comprometido humanismo vitalista, entendidos sempre como chaves complementarias da porta da felicidade individual e colectiva: "O amor / proclama sempre / a república núa".
Bao, Marcela
Bao, Marcela


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES