Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Claudio Rodríguez Fer, premiado pola Academia Internacional Eminescu en Romanía

viernes, 30 de junio de 2023
O escritor galego Claudio Rodríguez Fer acaba de ser distinguido coa Medalla "Mihai Eminescu" ("polos seus méritos na actividade cultural nacional e mundial"), así como co Premio de Historia e Crítica Literarias ("polas súas consideracións estéticas e a súa Claudio Rodríguez Fer, premiado pola Academia Internacional Eminescu en Romaníaparticipación creativa sobre a poesía mundial") polo Comité Executivo da Academia Internacional "Mihai Eminescu" de Romanía, que realizou as entregas de ditos galardóns durante o Festival Mundial de Poesía celebrado nas cidades oltenas de Craiova e Calafat neste mes de xuño de 2023.

Claudio Rodríguez Fer é autor dun cento de obras como poeta, narrador, autor teatral e ensaísta. Reuniu a súa lírica en "Amores e clamores" e a súa narrativa en "Contos e descontos", así como poesía visual en "Cinepoemas" e "Corpoética". Está traducido a numerosos idiomas e o seu poema "A cabeleira" publicouse en setenta linguas dos cinco continentes da Terra. Dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética e a revista "Moenia" da Universidade de Santiago de Compostela, coordina os cadernos interculturais Unión Libre e foi profesor universitario en Nova York, París e Bretaña (onde é Doutor Honoris Causa). Publicou libros, ensaios e edicións sobre Emily Dickinson, Dostoievski, Verne, Cavafis, Antonio Machado, Borges, Cernuda, Ferré, Brassens e moi numerosos escritores galegos, como Castelao, Dieste, Pimentel, Fole, Ángel Johán, Carballo Calero, Luz Pozo Garza, Granell, Díaz Pardo ou Valente. Recibiu diversos premios en áreas literarias (Premio Nacional da Crítica por "Tigres de ternura"), investigadoras (Premio Losada Diéguez por “Poesía galega" e por "A literatura galega durante a guerra civil"), académicas (Premio Extraordinario de Doutoramento) e cívicas (Premio Galiza Mártir de Memoria Histórica), ao que agora se vén a sumar o recoñecemento da Academia Internacional "Mihai Eminescu" de Romanía.

Dita Academia Internacional "Mihai Eminescu" leva o nome do principal escritor romanés, poeta posromántico do século XIX que ten como equivalente en Galicia a Rosalía de Castro. Está presidida polo o poeta, tradutor e profesor universitario Ion Deaconescu e organiza anualmente un xa lonxevo Festival Mundial da Poesía radicado en Craiova, durante o cal concede os seus premios a destacadas figuras da poesía mundial procedentes de diversos continentes da Terra. Ademais, converxendo coa Fundación Europea "Mihai Eminescu", a Academia Internacional "Mihai Eminescu" acreditou tamén a Claudio Rodríguez Fer cun diploma de embaixador cultural "pola comprensión das culturas diferentes, a promoción do herdo espiritual e a cooperación literaria" entre as diversas culturas do planeta, vocación intercultural da que o universal autor galego vén ofrecendo mostras dende a súa mocidade.

Agora ben, non foi esta a primeira vez que Claudio Rodríguez Fer presentou a súa poesía en Romanía. En efecto, a súa antoloxía bilingüe "Máis alá do bosque / Dincolo de padure" xa fora traducida ao romanés en 2018 polos filólogos Ion Deaconescu, Victor Ivanovici e Adina Ioana Vladu, obra que presentou en 2019 xunto aos dous últimos no Museo Nacional da Literatura Romanesa de Bucarest. En 2021 dedicou á cultura de Romanía o poemario, ilustrado por colaxes da artista galega Sara Lamas, "ADN do infinito", do que precisamente recitou con gran éxito, durante o dito Festival Mundial de Poesía de 2023, varias das súas composicións, traducidas ao romanés por Adina Ioana Vladu. Deste "ADN do infinito", obra en boa parte concibida en Bucarest e en Transilvania, xa dimos conta nunha recensión ilustrada cunha foto do autor nunha construción popular de madeira inequivocamente transilvana: https://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.28518.php

Claudio Rodríguez Fer, premiado pola Academia Internacional Eminescu en Romanía
Nesta convocatoria internacional de 2023, Claudio Rodríguez Fer leu en diversos actos culturais celebrados en Craiova e Calafat a súa "Rapsodia romanesa", poema precisamente alusivo a Eminescu: "Algunha folla caeu sobre a herba / e aínda espero que despois / de inclinarme ata o chan, / como facía Eminescu, / para absorber calquera verba / acariciada polos teus beizos, / nunca máis calases en ningunha lingua...". A propia tradutora, Adina Ioana Vladu, leu en Craiova a súa versión romanesa, mentres que a tamén poeta Roxana Ilie leu esta mesma tradución na cidade da Calafat. Ademais, Claudio Rodríguez Fer recitou o poema "Vivindo cun Brancusi" en Craiova, neste caso secundado en romanés polo poeta Ion Deaconescu, e gravouno en vídeo ante as mesmas obras do escultor Constantin Brancusi permanentemente expostas na cidade de Targu Jiu ás que aluden os seus versos: "E tentamos realizar tal desexo / na columna infinita, / na mesa do silencio, / na porta do bico, / no taller de Brancusi. / Mais agora eu, / pola alquimia do amor, / vivo cun Brancusi." Pola súa parte, Adina Ioana Vladu gravou a súa versión romanesa ante "A Mesa do Silencio" do citado Brancusi.

Durante o Festival Mundial de Poesía , Claudio Rodríguez Fer leu outros versos en galego e en castelán (un dos idiomas oficiais do congreso), que Adina Ioana Vladu ofreceu seguidamente en romanés e inglés (tamén idiomas oficiais do congreso, xunto ao francés e ao italiano), sendo a primeira vez que a poesía galega estivo presente en dito evento internacional. Especial significación tivo tamén o encontro co alumnado multilingüe do Liceo Voltaire de Craiova, onde o estudantado realizou preguntas aos poetas e onde mesmo recitou en tradución propia ao inglés o poema "Cando a noite cae sobre Bucarest", incluído por Claudio Rodríguez Fer no seu citado libro "ADN do infinito".
Bao, Marcela
Bao, Marcela


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES